23 DE ABRIL

Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor

Deco

A UNESCO fixa no 1995 esta data como Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, en honor a Cervantes, Shakespeare e Garcilaso de la Vega , falecidos (ou enterrados, no caso de Shakespeare) o 23 de abril de 1616.

Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre a mellor maneira de difundila cultura escrita e de permitir que tódalas persoas, homes, mulleres, nenas e nenos, accedan a ela mediante a aprendizaxe da lectura e ao apoio ao oficio da edición, das librerías, das bibliotecas e as escolas”.

Anos máis tarde (no 2001) a mesma UNESCO promove unha nova iniciativa pola que se nomea anualmente unha cidade como Capital Mundial do Libro, segundo a decisión tomada pola Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas.

Todas as cidades adquiren o compromiso de promover os libros e a lectura e a organizar actividades durante todo o ano que lles corresponda.

A primeira elixida foi Madrid e para o 2021 a  Capital Mundial do Libro é Tiflis, que centrará a súa proposta no uso das tecnoloxías modernas como ferramenta para promover a lectura entre a xuventude, co lema: “OK ¿ENTÓN O TEU PRÓXIMO LIBRO É…?”

 

BENEFICIOS DA LECTURA NAS/OS CATIVAS/OS:

  • A lectura axuda a nenas e nenos a aprender cousas novas, a adquirir vocabulario, a expresarse mellor e a facerse entender, tanto a nivel familiar, escolar ou social.
  • Favorece a capacidade de atención, concentración e comprensión. A nena e o neno que le entende mellor, procesa mellor a información e cústalle menos estudar, tendo mellores resultados académicos.
  • Potencia a imaxinación e a creatividade.
  • Fomenta a curiosidade. As cativas e cativos canto máis saben, máis queren saber, e polo tanto buscan información, respostas … e aumentan as súas inquedanzas e intereses.
  • Desenvolve a empatía, xa que a través dos personaxes a/o nena/o é capaz de poñerse no lugar do outro, de coñecer os seus sentimentos e puntos de vista.
  • Ler é divertido e unha forma de aprender a xogar so/a.

POLO TANTO:

  • Introduce a lectura nas súas rutinas habituais, lendo un pouco cada día. Busca un momento ideal, crea un ambiente agradable e xoga a ler.
  • Respecta as súas capacidades e os seus gustos, escolle libros adecuados a súa idade, canto máis lle interese o libro máis atención poñerá e máis quererá saber.
  • Non a/o obrigues. Recorda que nesta etapa manteñen a atención durante pouco tempo e teñen a necesidade inherente de moverse.
  • Cando lle leas un conto, ponlle emoción: xoga coa voz, co ritmo, co ton, canta, esaxera … saca a túa parte dramática, divírtete…
  • Ten sempre libros á man. Ponos ao seu alcance, déixallos tocar, pasar follas, ver os debuxos … Acostúmaos a ir a bibliotecas e librerías … Regálalle libros.
  • E sobre todo recorda: somos o espello no que se reflicten, así que: LE.