O CARBALLO DO BANQUETE DE CONXO

Este ano imos aproveitar o DÍA MUNDIAL FORESTAL para facerlle a nosa particular homenaxe á árbore máis famosa de Santiago, nestes días de rabiosa actualidade por ser candidata a ÁRBORE EUROPEA DO ANO.
Como xa teredes descuberto, estamos a falar do CARBALLO DO BOSQUE DO BANQUETE DE CONXO, un quecus robur de 30 metros de altura, 4 de diámetro e 250 anos de antigüidade.

Está situado nunha finca de 15.000 metros cadrados, á beira do río Sar, custodiado polo Mosteiro de Santa María de Conxo (con claustro de século XII e actual Hospital Psiquiátrico Provincial) e a Fonte da Virxe da Cuncha (importante punto de peregrinación e culto na entrada a Santiago polo Camiño Portugués).

O BANQUETE DEMOCRÁTICO DE CONXO
O 2 de marzo de 1856, baixo o lema “Orde e fraternidade”, ao pé da nosa árbore, convócase o Banquete de Conxo, ao que asisten un patrón e dous obreiros de cada oficio, invitados por estudantes da clase alta da Universidade de Santiago, que ademais se encargarán de servir a comida, como símbolo de respecto e igualdade ( “Que no ha nacido para esclavo el hombre”. Aurelio Aguirre).
Acoden moitos dos nome claves do Rexurdimento: Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane, Aurelio Aguirre e incluso algunhas fontes afirman que Juan Manuel Paz Novoa, Manuel Murguía e unha xovencísima Rosalía de Castro.,






Este acto crea malestar entre os sectores máis poderosos da sociedade e a Igrexa, que o toman como unha provocación e temen un novo levantamento popular, debido á crise económica que se viña arrastrando dende 1952.
Un dos seus principais impulsores, Aurelio Aguirre, é tachado de ateo polo seu discurso, que referíndose a Cristo, inclúe no seu brinde os versos:
“Al nacer de un honrado carpintero,
desnudo en el portal,lección sublime
ofrece de igualdad al mundo entero”.
O Banquete Democrático de Conxo converterase nun acontecemento simbólico da Historia Contemporánea de Galicia e parte da orixe do galeguismo.
