ORELLAS DE ENTROIDO

Como xa comentamos en entradas anteriores, coa chegada do cristianismo o Entroido convértese nunha “etapa de transición”, na que os cristiáns se preparan para entrar nun período de purificación, por medio da abstinencia e o xaxún durante corenta días, para recibila Pascua. 

De Mércores de Cinza a Xoves Santo, entre outras moitas cousas, estará prohibido: pasalo ben en Venres Santo (xogar as cartas, bailar, reunirse para falar…), traballar os días santos (incluso varrela casa) e sobre todo: comer carne.

Sen embargo, despois dos excesos de Entroido, as prohibicións máis difíciles de cumprir son as culinarias. A gastronomía galega nesta época inclúe moitos produtos derivados do porco, que estarán completamente prohibidos na época da Coresma, polo que, despois de tódolos excesos anteriores, crear réplicas dos alimentos prohibidos fará máis levadía a abstinencia da carne. E de aí que as Orellas de Entroido teñan forma de orella de porco.

RECEITA:

1/2 KG DE FARIÑA DE TRIGO

2 OVOS

100 GR DE MANTEIGA DE PORCO

RELADURA DE LIMÓN

UN CHISCO DE ANÍS (OU CAÑA BRANCA) E OUTRO DE SAL

200 ML DE AUGA TÉPEDA

ACEITE PARA FRITIR

AZUCRE GLASS

Mesturar os ovos, a manteiga derretida, a reladura de limón, o anís, o sal e a auga tépeda.

Ir engadindo a fariña pouco a pouco ata ter unha masa suave con tódolos ingredientes ben integrados. Deixar repousar 1 hora a temperatura ambiente (ou 2-3 na neveira).

Facer porcións pequenas e estiralas finas co rolo, empregando fariña para que non se peguen.

Fritilas en aceite abundante e moi quente, dándolle forma de orella.

Escorrer e esparexer azucre glass por riba.

Scroll al inicio