A orixe etimolóxica da palabra MAGOSTO non está moi clara pero hai teorías que defenden que procede do latín, de Magnus Ustus (gran lume) ou Magnum Ustum (resaltando o carácter máxico do lume).

Segundo o Dicionario da Real Academia Galega refírese a unha comida que consiste fundamentalmente en castañas asadas, polo xeral acompañadas con viño.

Como terra de castiñeiros (grazas, en parte, aos romanos) o Magosto convértese nunha festa tradicional fortemente arraigada en todo o territorio galego, pero sobre todo en Ourense e Lugo, cuxos soutos sobreviven á crise do século XIX, na que importantes enfermidades arbóreas acaban con moitas destas árbores.

Manuel Murguía falaba do Magosto como dun banquete funerario no que, por un lado, a castaña e o lume simbolizarían a morte e, por outro, o viño faría referencia á unha nova vida. Celebrábase así o fin dunha colleita (a da castaña) e o inicio doutra (a do viño).

A festa comeza coa recollida de leña e piñas, para facer unha boa fogueira, de onde sairán as brasas para asalas castañas. Por outra banda, xúntanse mozas e mozos para recoller as castañas,  “o pan dos pobres” ata a chegada do millo e da pataca dende as Américas, que en época de fame asegurou a supervivencia de moita xente en forma de froito seco, cociñadas ou en fariña. Por último e non menos importante, é de agradecer que alguén aporte o viño (aínda que actualmente non deben faltar tampouco chourizos e pan, non se diga que a festa non é perfecta).

 

É entón o Magosto unha festa para agradecer a colleita, na que son protagonistas o lume, as castañas e o viño novo, as xuntanzas de veciños, familiares e amigos para colaborar, divertirse, compartir contos e lendas ao carón das brasas, cantar e bailar, saltar a fogueira para evitar os malos espíritos (coma no San Xoan) e  pintala cara cos tizóns.

Non é raro, polo tanto, que sexan moitas as teorías que o relacionan coa celebración do Samaín debido ás moitas semellanzas que hai entre ambas (importancia do lume/fogueiras, binomio vida – morte, fin dun ciclo – inicio doutro …).