AS CASTAÑAS

Aínda que son os romanos os que levan a fama de ter estendido o seu uso, grazas ao análise de pole e fósiles, sábese que xa había castañas na Península no Pleistoceno (ou sexa, como mínimo hai 12.000 anos).

Aos romanos témolles que agradecer as novas variedades, formas de cultivo, os coidados, os enxertos … que fixeron dela un cultivo moito máis produtivo, que se espallou rapidamente por toda Galicia pasando a ser a base da alimentación en Europa, ata a chegada da pataca e o millo tralo descubrimento de América.

Durante séculos, do castiñeiro aproveitábase todo: a madeira, as follas secas, o froito e ata os ourizos e cáscaras como combustible,  converténdose no segundo produto máis rendible (despois do viño). De feito nos contratos forais, os señores concedían un anaco de terra para plantar un souto, esixindo o pago con castañas (tamén coñecidas como “o pan de pobre”).

A castaña galega é a única de calidade recoñecida en España, conseguindo no 2009 a IXP (Indicación Xeográfica Protexida) “Castaña de Galicia” que se reserva aos froitos obtidos a partir de cultivos autóctonos galegos do castaño europeo (Castanea sativa, Mill), destinados ao consumo humano e comercializados en fresco ou conxelado.

As castañas aportan vitamina B1, B2, B3, B6, B9, vitamina C e vitamina E, así como ácidos graxos como omega 3 e 6, minerais (potasio, magnesio, fósforo, calcio) e outros compostos fenólicos con propiedades antioxidantes.

Non ten gran cantidade de graxa, nin azucre e si de  carbohidratos complexos, proteína vexetal e fibra.

Polo tanto, son un alimento saciante, beneficioso para ósos e dentes, que estimulan o bo funcionamento do sistema nervioso, con efecto cardioprotector e que contribúen ao bo tránsito intestinal. Son un alimento sen glute, así que a súa fariña pode ser usada por persoas celíacas e ao conter carbohidratos de absorción lenta pode ser consumida por diabéticos sen medo aos picos de insulina en sangue.

Pode comerse de moitas maneiras: crúa, asada, cocida, confeitada, en fariña, en pratos doces e salgados…

 

Aquí vos deixamos unha receita moi fácil de facer.

CASTAÑAS CON LEITE AO ESTILO TRADICIONAL:

INGREDIENTES:

1/2 quilo de castañas, 1l de leite, fiuncho, auga, sal, azucre, canela.

PREPARACIÓN:

Cocelas castañas sen cáscara con auga, sal e un pouco de fiuncho (aproximadamente 40 minutos). Sacalas do lume, deixalas temperar e sacarlle a segunda tona.

Quentar o leite con azucre ao gusto e un par de ramiñas de canela. Deixar repousar uns minutos, para que o leite colla ben o sabor da canela.

Engadir as castañas peladas e deixar cocer 10 minutos máis.

Pódense comer quentes ou frías.

 

Se a probades quizais vos sorprendades …

Scroll al inicio