A palabra SAMAÍN é de orixe gaélica e significa “fin do verán”.
A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro servía como a celebración do fin da temporada de colleitas e, polo tanto, considerábase como o Ano Novo Celta, que comezaba coa estación escura, o inicio de todo, cando o verán morría e comezaba o inverno. É a festividade de orixe celta máis importante do período pagán en Europa ata a conversión ao cristianismo.
Durante a noite do Samaín os espíritos dos defuntos tiñan autoridade para camiñar entre o mundo dos vivos, dándoselle á xente a oportunidade de xuntarse cos seus antepasados.
Era habitual colocar unha vela acendida na ventá para que os mortos atopasen o seu camiño e acostumábase baleirar nabos (posteriormente cabazas, debido a unha tradición irlandesa) para poñer a candea dentro. Volvían así as ánimas ás súas vellas moradas, para quentarse na cheminea e comer en compañía dos seus familiares vivos, por iso, unha das tradicións galegas durante esta noite é deixala mesa sen recoller e o lume sen apagar.

Tamén fadas e trasgos podían camiñar entre os dous mundos xa que a porta estaba aberta, por iso nas aldeas pechábanse as casas e non se lle abría a ninguén. Se había algún valente que o fixera, se recibía a visita dunha fada obtería sorte e fortuna para o seguinte ano, pero se a visita era dun trasgo a mala sorte caería sobre esta casa, en forma de calamidades e desastres.

Durante esta xornada tamén se acendían fogueiras para espantar aos malos espíritos e algunhas persoas cubríanse con máscaras e peles para despistar ás pantasmas, o cal explicaría a costume de disfrazarse.
Varios séculos despois, esta tradición ten continuidade no actual Halloween, que exportaron os irlandeses e escoceses aos Estados Unidos no século XIX, principios do XX.
Tal e como ocorreu con moitas das celebracións pagáns o cristianismo acabou absorbendo e instaurando as súas propias festividades. Dende aproximadamente o século X celébrase o Día de Tódolos Santos (1 de novembro), no que se recorda ás persoas falecidas que están no Paraíso. Pero, ademais, ao pouco tempo a igrexa católica instaurou o Día de Defuntos (2 de novembro), no que se recorda tamén a aqueles que permanecen no Purgatorio.
En Galicia, aparece a figura da Santa Compaña. A lenda conta que unha comitiva de defuntos avanza durante a noite en completo silencio portando cirios acendidos. Unha persoa viva vai diante coa cruz e o caldeiro de auga bendita e non pode, baixo ningún pretexto, volvela cabeza. So poderá librarse do seu cargo cando atope a outra persoa á que entregarlle a cruz e o caldeiro, antes de que faga un círculo na terra. É necesario protexerse contra a maldición da Santa Compaña facendo coma que non se ve ou subíndose a un cruceiro ata que pase de largo.
O mestre Rafael López Loureiro comprobou que o Samaín forma parte da tradición máis enraizada e enxebre de Galicia, que aínda se celebraba aquí ata hai pouco tempo, ademais de nalgunhas zonas de Cáceres, Zamora e León onde lingua e tradicións galegas están moi arraigadas, pola súa proximidade a Galicia.