DÍA DAS LETRAS GALEGAS

A lingua representa unha parte fundamental do patrimonio cultural e lingüístico dun país. Preservala significa preservar unha forma de vida, a historia, a tradición, a arte, o coñecemento e saberes dos nosos devanceiros, o patrimonio, uns acenos de identidade e pertenza …

A existencia das diferentes linguas axúdanos a entender que hai diferentes formas de ver e entendelo mundo, a salvagardar valores como a tolerancia e o respecto, a fomentar os dereitos humanos e a protexer a liberdade e a igualdade.

Exemplo de este ser e sentir son as palabras para expresar determinados conceptos ou ideas que noutro idioma non se contemplan, e dicir, que non teñen unha tradución literal.

Aquí vos deixamos unha representación das da nosa lingua nai:

 

AFOCIÑAR: Caer de fociños. Bater co fociño contra algo. Atoparse inesperadamente con alguén. 

AGATUÑAR: Subir por unha árbore, parede etc., coma os gatos, valéndose dos brazos e das pernas.

ALALÁ:  Canto popular galego lento e melismático que remata frecuentemente con ‘ailalala, ailalala’ ou letras baleiras semellantes.

AMOADO: Masa preparada con auga ou leite, fariña, ovos e, ás veces sangue, coa que se fan as filloas. Masa con que se preparan chulas, biscoito, etc. Mestura de diferentes condimentos coa que se fan os embutidos. 

AMPEAR: Tomar e expulsar con forza e rapidamente o alento ao respirar. 

AQUELAR: Verbo de sentido vago, que se usa cando non se atopa ou non se quere empregar a palabra precisa e que adquire significados diferentes segundo o contexto: reparar/amañar/ arranxar, amolar/enfadar/alterar …  De forma coloquial tamén se utiliza como «prepararse para saír».

ARROUTADA: Axitación súbita e violenta do ánimo durante a que un perde o control de si mesmo. Feito pouco atinado ou pouco razoable. Refírese a cando se fai unha cousa de forma inconsciente, impulsiva e tola, sen pensalo moito, de maneira irreflexiva.

BADUAR: Falar divagando ou dicindo cousas sen sentido. Utilízase tamén: esbardallar, latricar, larapetar …

BALDREO/PASTRÁN: Persoa sucia e descoidada. Tamén se usa: zalapastrán, pelandrán, badanas, zampallán …

BARALLOCAS: Persoa que embarulla todo cando fala de tal maneira que non se lle entende o que quere dicir. É o que fala moito e sen sentido. Dise tamén da persoa mentireira.

BECERRA: Franxa de masa amazocada que ás veces queda no pan ou nos doces, por non estar ben cocidos, por falta de fermento etc. 

BOH!: Exclamación que expresa diferentes impresións como contrariedade, rexeitamento ou enfado. Pode, ademais,  indicar conformidade, indiferenza, incredulidade, desprezo, molestia …

BROA: Pan de millo.

BULEBULE: Persoa que non para quieta, que anda sempre dun lado para outro. Tamén chamado besbello, charabiscas, fervellaverzas, fuxefuxe, fervello, fedello …

CARUNCHO:  Mancha negra producida pola humidade que aparece na roupa ou nas paredes.

CHAFALLADA: Cousa mal feita, sen coidado, nin arte. Trátase dunha cousa que non serve para nada, algo de pouca calidade e valor. Tamén: trapallada, chilindrada…

CHORIMA: Flor do toxo ou da xesta.

CHUSCO/A: Persoa que resulta simpática e á que lle gusta dicir as cousas cunha miga de broma ou burla. Persoa que resulta agradable ou graciosa polo seu aspecto e maneiras. Utilízase maioritariamente no seu diminutivo: chusquiño/a. 

CODELO: Anaco pequeno de pan e con codia. Tamén chamado: codia, corrosco, rocho, carocha …

COITADO/A: Que ten coita ou que é vítima da sorte adversa. Que ten pouca resolución ou valor [persoa]. É a persoa que non ten moita decisión ante as cousas, inocente, inxenua, cándida, infeliz, desgraciada, triste, tímida …

COUSO: Obxecto determinado do que non se coñece ou non se lembra o nome. Tamén chisme, conto, chirimbolo …

CREBA: Restos de naufraxios ou cargas dos barcos que o mar arrastra ata a costa.

CROIO/PELOURO: Pedra dura e pequena, particularmente a que está arredondada e lisa pola erosión. Coloquialmente utilízase como sinónimo de «moi duro», pódese aplicar á froita verde, ao pan reseso… Tamén se refire á persoa moi testana, ou incluso á desaxeitada e fea.

ESBARDALLAR: Falar moito dicindo parvadas. Tamén: larapetar, laretar, baduar, latricar …

ESMENDRELLAR: Quedar ferido ou con algunha parte do corpo lesionada a causa dunha caída, dun golpe, dun esforzo excesivo, etc. De forma coloquial utilízase para aquilo que da moita risa, que fai que agarres da barriga e te tires polo chan.

ESNAFRAR. Romper [algo] totalmente de un golpe. Tamén significa mancarse ao caer de fociños.

ESTOMBALLARSE: Deixarse caer sobre algo debido á fatiga, ao cansazo ou pola falta de ánimo. Tamén se refire a deitarse ou sentar comodamente.

FEDELLO: O que anda no que non sabe ou debe.

FERRADO: Medida de capacidade para grans, legumes, sementes etc., de valor moi variable segundo os lugares ou segundo o que se mida que pode ir dos doce aos vinte quilos, e que corresponde habitualmente a dous tegos. 

FOCHICAR: Manipular cousas que estaban en orde deixándoas revoltas ou en mal estado.

FURABOLOS: O segundo dedo da man, entre o polgar e o maior. Aplícase  á persoa que sempre está molestando, fastidiando e meténdose onde non lle corresponde.

FURANCHO: Local situado no baixo dunha casa ou nunha pequena bodega onde se vende o viño excedente da colleita e no que tamén se serve comida ou a levan os clientes.

GALORCHO/A: Calzado vello e estropeado. Utilízase cando alguén vai moi mal vestido.

GARATUXA: Demostración de cariño que se fai a unha persoa con aloumiños e con palabras de afecto. Úsase ademais con respecto á carantoña, macacada ou brincadeira que se lle fai aos rapaces, para facelos rir.

LIDEIRA: Idea na que se porfía.

LUADA: Intervalo entre dúas fases da Lúa.

LUAR: Luz do Sol reflectida pola Lúa, que ilumina a Terra durante a noite.

LURPIA: Muller perversa, amiga de meter en leas aos demais, mal intencionada etc.

LUSCOFUSCO: Momento do día, entre o día e a noite, en que a luz desapareceu case por completo e as cousas se perciben como sombras. Momento do día, entre a noite e o día, en que a primeira claridade permite distinguir as cousas coma sombras.

MADÍA: Motivo de preocupación. Expresión que manifesta boa sorte ou que algo non ten nada de extraordinario. Soe usarse a expresión «madia leva» que significa: «non me estraña».

MAIMIÑO: É o quinto dedo da man. Aplícase ao que é pequeno ou está pouco desenvolvido.

MALIA: A pesar de. Expresa contrariedade e forte repulsa.

MAQUÍA: Porción de gran ou fariña que se lle pagaba ao muiñeiro por cada vez que se moía. Medida de capacidade para grans, legumes etc., de valor variable segundo os lugares, e que equivale habitualmente á sexta parte dun ferrado.

MIÑAXOIA: Persoa sen malicia ningunha. Persoa que ten pouco valor ou ánimo, mesmo para afrontar situacións habituais da vida cotiá.

MORRIÑA: Sentimento e estado de ánimo melancólico e depresivo, en particular o causado pola nostalxia da terra.

NINGURES: Ningún sitio, ningunha parte. En contraposición a ALGURES: Algunha parte, algún sitio ou lugar indeterminado.

OLA: Medida de capacidade para líquidos que leva polo xeral 16 litros.

PAILÁN/A, PAILAROCO/A: Que ten maneiras rústicas e non se sabe conducir no trato social. De maneiras pouco finas ou refinadas. Inculto.

PANDORCA: Persoa corpulenta, desleixada, de movementos tardos e de carácter simple.

PAPAHOSTIAS: Persoa que demostra ter pouca intelixencia ou malicia, e resulta fácil de enganar. Tamén se coñece por papán, papón, papamoscas… 

PESTISCO: Porción pequena de algo que se toma para probar. Cousa de comer de pequeno tamaño e de pouco alimento pero que sabe moi ben.

POSTOIRO: Morea pequena de toxo que se fai ao ir rozando. Utilízase para referirse ao lugar exterior onde se esconde a chave e que so é coñecido polos habitantes da casa.

PREA: Corpo morto en estado de descomposición. Persoa que anda sucia e mal amañada. Persoa falsa, digna de desprezo.

QUEIMADA: Bebida característica de Galicia que se fai queimando augardente con azucre ata que se consome gran parte do alcohol, á que se lle poden engadir outros ingredientes, como grans de café, anacos de froita …

RABUDO/A, XENIUDO/A: Que ten mal xenio. Que sempre anda de mal humor, malencarado, rosmando e protestando por todo.

RECÚ, A: Cara a atrás, recuando.

RECUNCAR: Comer máis ou beber de novo do mesmo que se acaba de beber ou comer. 

REPOALLO: Conxunto de cousas que non serven, ben porque se estragaron, ben porque tiñan moito uso.

REPOLGAR: Poñerlle masa de adorno aos bordos dunha empanada.

RESESO: Alimento elaborado con fariña que perdeu aquelas propiedades que o fan óptimo para o consumo, debido principalmente ao paso do tempo ou a unha prolongada exposición ao aire.

SAUDADE/SEÑARDADE: Sentimento profundo no que o suxeito vive unha perda ou experimenta unha aguda nostalxia de algo xa vivido e que considera desexable.

SEICA: Indica dúbida acerca do que se di, pero con probabilidade de que sexa certo.

TANGUELEIRÁN/A: Persoa que é alta, mal proporcionada e con pouco garbo.

VINCULEIRO/A: Fillo que herda os bens vinculados, que non poden ser divididos. Fillo único.

XANEIRA: Lúa de xaneiro. Cántigas populares que se cantan na véspera do Aninovo, para desexar un bo ano. Coloquialmente dise dos gatos que están en celo que «andan á xaneira».

XAORA: Adverbio que podería traducirse como: claro, por suposto, evidentemente …

XEITOSO/A: Moi apropiado. Que ten boas calidades, que reúne as características necesarias para ser do gusto de alguén.

XERRADA: Cantidade de líquido que cabe nunha xerra.

ZARAGALLADA: Conxunto de ingredientes que se usan de recheo para determinados alimentos (en especial o da empanada).

ZARANGALLEIRO/A: Que di ou fai as cousas mal, sen orde e con precipitación, mesturando todo. Son sinónimos: chafulleiro, chafullas, chambón, fozas, fozón, trangalleiro, trapalleiro …

ZONCHO: Castaña cocida con pel. Tamén: mamela ou zamelo.

ZOQUEAR: Facer ruído cos zocos.

ZURRICHAR: Facer que [un líquido] saia con forza do recipiente que o contén. Mollar [algo ou alguén] ao lanzar un líquido a chorro. [Recipiente] deixar saír con forza o líquido contido no seu interior. Úsase tamén xiringar.

 

Cando se perde unha lingua, pérdese unha cultura, un patrimonio intelectual, unha obra de arte. É como lanzar unha bomba sobre o museo do Louvre”. Ken Hale.

LETRAS GALEGAS 2024

Este ano a homenaxeada é Luísa Villalta(1957-2004).

Violinista, filóloga e escritora coruñesa, comprometida na defensa e difusión das nosas raíces, historia e cultura.

Foi música, analista e intérprete literaria, docente,  tradutora, autora de poesía, narrativa, teatro, ensaios literarios… ata a súa morte prematura e inesperada a causa dunha meninxite.

Defensora da lingua, polifacética, creativa, fascinante, sensible, libre … “foi unha visionaria, unha modernizadora da poesía e do teatro”.

É a sexta muller, dende a primeira homenaxe do Día das Letras Galegas, no 1863, fronte a máis de 50 homes. Anteriormente a Sega (Plataforma de Crítica Literaria Feminista) no 2022 dedicoulle a Nosa IX Señora das Letras.  

LUÍSA VILLALTA
Scroll al inicio