Pedagoxía
Claves da nosa proposta pedagóxica

Actualmente non cabe discusión que a primeira etapa na vida das nenas/os é decisiva para o seu desenvolvemento, xa que é nos tres primeiros anos cando máis se desenvolve o cerebro. A Ley Orgánica de Educación (LOE) declara a Educación Infantil (0-6 anos) como unha etapa con identidade propia, cuxo carácter educativo deberá quedar recollido na Proposta Pedagóxica do centro.
Metodoloxía
Recolle a LOE, ademais, no seu artigo 12 que a súa finalidade será contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual das nenas/os.
En “La Casa de Koli”, que presta servizo ao Primeiro Ciclo de Educación Infantil (0-3 anos), desenvolvemos hábitos e rutinas a través das cales nenas/os constrúen unha imaxe positiva de si mesmos e adquiren autonomía atendendo especialmente ao control e coidado persoal, a identidade e as emocións, ao movemento, ao coñecemento do medio físico e natural, á linguaxe en tódalas súas vertentes e ás relacións sociais e pautas elementais de convivencia.
Creamos un ambiente de seguridade, afecto e confianza no que levamos a cabo actividades que teñan en conta os intereses e capacidades de cada nena/o, baseadas nas experiencias, nas rutinas e no xogo e nas que a través da observación, exploración e experimentación se respecte a visión global que a nena/o ten do mundo.
Relación familia escola
O equipo educativo de “La Casa de Koli” traballa constantemente para desenvolver nas nenas/os principios como o autocontrol, a responsabilidade, a tolerancia e a solidariedade, tendo en conta o importante papel que lle corresponde como modelo, ensinando valores coma a igualdade, a amizade, o respecto… e primando as estratexias que faciliten o achegamento familia-escola, proporcionando diferentes canles de información, comunicación e participación.
As rutinas
A través delas as nenas/os aprenden a orientarse temporal e espacialmente, anticipan o que vai ocorrer en cada momento e favorécese a interiorización das normas. Traballando rutinas en hábitos de alimentación, hixiene e sono, na orde, na convivencia … conseguimos aumentar a autonomía das alumnas/os e con ela a autoestima, tan importante para o seu desenvolvemento.
Lingua
Nas aulas de “La Casa de Koli” e seguindo o Decreto 330/2009, de 4 de junio, por el que se establece el currículo de la educación infantil en la Comunidad Autónoma de Galicia, o profesorado utilizará a lingua materna predominante entre o alumnado. Sen embargo, as/os educadoras/es empregarán na aula con naturalidade ambas linguas cooficiais nas distintas actividades, coidando que o alumnado adquira o coñecemento delas, dentro dos límites propios desta etapa.
Por outra banda, tendo en conta que a lexislación vixente, non contempla a introdución dunha lingua extranxeira ata o segundo ciclo de infantil, pero considerando que a plasticidade do cerebro a estas idades fai que sexa un momento idóneo para introducir unha terceira lingua, en “La Casa de Koli” introduciremos ás nenas/os na lingua inglesa, a través do xogo e en contextos que o permitan facer de maneira natural e espontánea.
Atención á diversidade
A nosa intervención educativa recolle como principio a diversidade do alumnado, adaptando a nosa práctica educativa ás características persoais, necesidades, intereses e estilos educativos de cada nena/o. Polo tanto, na nosa tarefa diaria apoiámonos nos sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, como forma de expresión distinta á da fala, para aumentar ou compensar as dificultades de comunicacións que puideran xurdir, incluíndo en todo o centro pictogramas adaptados ás necesidades das personas con dificultades motrices, cognitivas ou lingüísticas, ademais de un sistema de pictoaxendas.
A avaliación
A avaliación levarase a cabo duna forma global, continua e formativa de xeito que, ademais do proceso de aprendizaxe en si mesmo, avaliarase a propia práctica educativa, mellorando todos aqueles aspectos que pidan beneficiar á acción educativa.