Día Internacional da Familia​

Recolle o dicionario da Real Academia Galega que FAMILIA é : “o conxunto de persoas unidas por lazos directos de parentesco, especialmente o constituído polo pai, nai e os fillos”.

Observando os roles que desempeñan mulleres e homes na sociedade actual, estudados os cambios sociais e económicos e vista a evolución das estruturas familiares de hoxe en día, cada vez menos tradicionais ou convencionais, non cabe dúbida que esta definición é atemporal e está desfasada.

Cada familia conforma un grupo moi particular, na que os lazos de sangue deixan de ter protagonismo e ceden o paso ás novas interaccións entre os seus compoñentes, á tolerancia, ao respecto e á liberdade individual de cada un dos seus membros. Polo tanto a familia tradicional (pais e fillos) desaparece para deixar emerxer a familias integradas por nais/pais solteiras/os, nais/pais do mesmo sexo, nais/pais con fillos de parellas anteriores …

O núcleo familiar é o primeiro axente socializador do ser humano, onde se dan as primeiras interaccións e se establecen os primeiros vínculos emocionais.  Cada familia transmite ás súas fillas e fillos os seus hábitos, as súas costumes, os seus valores, a súa cultura … que pouco a pouco van conformando a súa personalidade e aporta aprendizaxes básicos para a posterior inserción na vida social.

O Día Internacional da Familia foi proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de aumentar o grado de concienciación acerca dos temas relacionados coa familia e fomentar os lazos familiares.

Scroll al inicio