A POMBA: SÍMBOLO DE PAZ

O motivo de usar unha pomba branca como símbolo de paz ten a súa orixe na Biblia, concretamente na historia de Noé.

A tradición xudeo-cristiana recolle, no libro do Xénese, a historia do Diluvio Universal ou Gran Diluvio, no que se relata que Deus, enfadado polos pecados da humanidade, decide exterminar a tódolos seres humanos anegando a terra.

Sen embargo Noé, que é considerado un home xusto, é advertido por Deus, que lle da instrucións para  que constrúa unha arca de madeira na que debería meter, ademais da súa familia, a unha parella de cada especie animal.

Unha vez dentro da arca, chove durante corenta días coas súas corenta noites, cubríndose de auga ata as cimas das montañas e perecendo tódolos seres vivos.

A Arca de Noé quedou flotando sobre as augas, que permaneceron altas durante cento cincuenta días. Unha vez baixou a inundación, a embarcación quedou pousada na cima do monte Ararat.

Despois de esperar corenta días máis, Noé soltou unha pomba que regresou cunha ramiña de oliveira no pico, o que significaba, ademais de que as augas estaban retrocedendo,  que a reconciliación divina co mundo estaba a punto de chegar.

Cando a terra xa estaba seca, Deus volveu a falar con Noé para que abandonase a arca e a terra volvese a ser repoboada.

É por iso que a pomba coa ramiña de oliva se converte no símbolo do perdón de Deus e do novo comezo.

Posteriormente esta imaxe foi adoptada por diferentes artistas, activistas e movementos pacifistas de todo o mundo como símbolo de reconciliación, de paz e harmonía mundial e como recordatorio da capacidade do ser humano para superalas adversidades e renovarse.

Scroll al inicio