A MORTE E OS NENOS

Sempre falamos do Samaín como unha festividade na que involucramos aos mortos, que veñen visitar aos vivos, nun ambiente de celebración, disfraces e bromas.

Pero non nos formulamos como falar aos nenos sobre a morte real ata que nos vemos inmersos nunha situación que xeralmente nos toca de cerca e na que non hai forma de eludir o tema.

Quizais se habitualmente, faláramos sobre elo con naturalidade e sen tabús, chegado o caso, tanto nenos como adultos, estaríamos máis preparados para afrontar unha situación tan dolorosa.

Ben é certo que hai tantas situacións diferentes como formas de afrontala dor. Non se da o mesmo caso se se trata dunha morte anunciada ou inesperada, se falamos dunha persoa anciá ou dunha moza, se a causa foi unha enfermidade ou un accidente, ou se foi no ámbito máis próximo ou máis afastado.

O caso é que a morte é un feito natural. Todo ser vivo: planta, animal ou persoa (no que se inclúen mascotas e familiares) nalgún momento acabará por morrer. Así que o mellor é dar explicacións sinxelas  e comprensibles que reflictan a realidade, por moi dura que sexa, preparando ao neno para cando lle toque de cerca, evitando dar máis explicacións das necesarias ou máis información da que poida asimilar.

Os bebés non teñen a capacidade de entender o concepto da morte, pero si que perciben o sufrimento das persoas que o rodean, polo que se ha de ser moi coidadoso co que se lles transmite.

De 5 a 7 anos aproximadamente non entenderán a mensaxe na súa totalidade, xa que o que lles chega dos debuxos animados ou películas infantís é que  a morte é algo temporal e reversible (agora estou morto e agora resucito). Hai que coidar moito a linguaxe xa que os nenos entenden todo de forma literal. Expresións coma “está no ceo”, “está durmindo en paz”, “foise a unha longa viaxe”, “pasou a mellor vida”… poden confundir aos cativos. Non hai que ter medo á utilizar a palabra morte e hai que deixar moi claro que esa persoa non vai volver, que se foi para sempre e que non imos volver a vela.

Aínda que, a partir dos 8-9 anos, pode chegar a entendelo non quere dicir que o acepte, xa que entender un concepto non significa aceptalo. Debemos estar atentos aos sinais de tristeza, angustia, illamento, rabechas, medo, cambios na alimentación ou no sono (pesadelos, medos nocturnos)  …

É imprescindible, crear un ambiente seguro no que se poida falar do duelo e escoitar o que teña que dicir o neno. A proximidade física, a seguridade, a calma, o cariño, a atención, a paciencia para responder ás preguntas unha e outra vez … facilitarán que non se creen novos medos, preocupacións ou sentimento de culpabilidade. 

 

ESTOS SON ALGÚN DOS CONTOS QUE VOS RECOMENDAMOS

E RECORDA, É IMPORTANTE DEIXARLLE CLARO AO NENO QUE:

– Non é culpa súa, tratando de que entenda a causa da morte, sen dar máis explicacións das necesarias.

– A persoa que se vai non sofre, o seu corpo deixa de funcionar polo que xa non volverá a ter fame, sono e, sobre todo, calquera tipo de dor ou sufrimento.

– Sempre haberá alguén que o protexa e coide e que aínda que nós algún día tamén morreremos  esperamos que sexa dentro de moito tempo.

– Durmir non ten nada que ver con morrer.

– Non é malo estar triste e chorar. Os adultos tamén o estamos e chorar é unha forma de aliviar esa tristeza.

Scroll al inicio