ÁRBORES SINGULARES DE GALICIA

Son consideradas árbores senlleiras “aqueles exemplares concretos ou rodais de árbores que polas súas características extraordinarias ou destacables (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza, etc.) son consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. Estes exemplares singulares representan un valioso legado e un valor natural na medida en que se trata de elementos que subsistiron aos rigores dos tempos ou que contan cunhas particularidades especiais” (Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático).

A Xunta de Galicia coa creación do «Catálogo galego de árbores senlleiras», establece o réxime xurídico básico para as árbores e formacións que se inclúan en dito catálogo, coa finalidade de protexelas de posibles riscos e amezas garantindo así a súa conservación.

Algunhas das árbores recollidas neste catálogo son:

O CASTIÑEIRO DE PUMBARIÑOS no Souto de Rozabales, en San Martiño (Manzaneda, Ourense).  A súa idade supera os 1000 anos. Mide 16 metros e é o castiñeiro galego de maior circunferencia,  con 13,85 metros. Foi o primeiro en ser catalogado como Monumento Natural en Galicia e está incluído no Catálogo de Árbores Singulares dende o 2007.

O EUCALIPTO AZUL, O AVÓ, no Souto da Retorta, en Chavín (Viveiro, Lugo). Plantado en 1880 é o máis antigo desta paraxe. Alcanza os 67 metros de altura e ten 10,5 metros de perímetro. Está considerada como a árbore máis grande de Galicia e unha das máis grandes de Europa.

O CASTIÑEIRO DA CAPELA, en Baamonde (Begonte, Lugo). Cuns 500 anos, ten case 13 metros de alto e 6,60 de perímetro. Foi indultado de ser tallado, durante a ampliación da N-VI, grazas ao escultor Víctor Corral que creou un altar nun oco, de máis de 2 metros de alto, no tronco da árbore.

A SOBREIRA DE CASA TRISTO, en Santiorxo, (Pobra do Brollón, Lugo). Con máis de 1000 anos de idade, mide 15 metros de alto e case 11 de perímetro.

O CIPRÉS MEDITERRÁNEO DA CAPELA DE SAN SALVADOR, en San Xulián de Samos (Samos, Lugo). Cóntase que leva plantado alí tantos anos como ten a ermida, co que podería achegarse aos 1000 anos. Mide máis de 25 metros de altura.

O CARBALLO DE RAMOS, en Santo Tomé de Carballo (Taboada, Lugo). Aínda que se cre que podería ter uns 500 anos é difícil calcular á súa idade real. Sen embargo, todo parece indicar que esta árbore da nome á parroquia dende o século XVIII. Mide case 20 metros de altura e 6,6 de perímetro.

 EUCALIPTO DO BOSQUE ENCANTADO, en Aldán (Cangas do Morrazo, Pontevedra). Anfitrión da Finca de Frendoal, con máis de 100 anos .

A SOBREIRA DE VALIÑAS, en Callobre (A Estrada, Pontevedra). Con 22 metros de alto e case 6 de perímetro data de hai máis de 300 anos, sendo un dos exemplares máis importantes da súa especie en Galicia.

O CARBALLO DE BERMÉS, en Bermés (Lalín, Pontevedra). Dunha altura aproximada de 18 metros, un diámetro de máis de 4 metros e unha idade de 600 anos.

O CEDRO DO LÍBANO no Pazo de Lourizán, en Lourizán (Pontevedra). Cunha altitude de 40 metros e un diámetro de case 5 metros e medio, foi plantado a finais do século XIX.

CONTINUARÁ …

Scroll al inicio