Benquerida primavera​

Celebramos o Día dos Bosques simplemente porque, no Planeta Terra, plantas e árbores son indispensables para a vida, xa que purifican o aire que respiramos, convertendo o dióxido de carbono en osíxeno, facendo posible a nosa existencia.

Ademais as árbores:

  • Diminúen a contaminación absorbendo óxido de nitróxeno, amoníaco, dióxido de xofre e ozono, transformándoos en osíxeno.
  • Axudan a preservar o chan, previndo a erosión coas súas raíces, e contribuíndo á fertilidade da terra coa caída das súas follas, que acaban transformándose en materia orgánica e, polo tanto, en nutrientes.
  • Refrescan o ambiente, xa que proporcionan sombra, liberan vapor de auga polas súas follas e reteñen a humidade do chan, sendo unha parte importante do ciclo da auga.
  • Producen alimentos, aceites, medicinas …
  • Ofrecen refuxio aos animais.
  • Dannos madeira, leña, papel, resina …
  • Evitan ruídos molestos.
  • Embelecen a paisaxe.

O peor inimigo das árbores é o ser humano, que leva décadas sendo o causante da deforestación debido á industria papeleira e madeireira, ás explotacións mineiras e construción de presas, á urbanización do chan, ás explotacións gandeiras que utilizan técnicas invasivas, aos incendios provocados, ao incumprimento ou inexistencia das medidas de protección dos bosques, ao cambio climático …

Se non queres ser partícipe da deforestación:

  • Non desperdicies papel e cando o necesites que sexa reciclado.
  • Consume produtos de madeira con certificado de sustentabilidade e prioriza o de madeiras locais.
  • Consume produtos animais, chocolate e café ecolóxicos e de produción local.
  • Non consumas aceite de palma.
  • Usa o transporte público. Contribúe á redución do consumo de combustible e pneumáticos.
  • Evita o consumismo tecnolóxico, cuxos produtos proceden da minería a gran escala, causante non so da deforestación senón de múltiples conflitos armados, sobre todo en África.
  • Practica as tres “Rs”: Reduce, Reutiliza e Recicla.
  • Se podes, planta unha árbore.
 
 
Scroll al inicio