Orixe

A  orixe da festa do Entroido non está demasiado clara. Sábese que se celebra en toda Europa (e en algún países de América do Sur, levada por portugueses e españois) e que se fai dende tempos remotos.

Hai teorías que a sitúan:

  • En Sumeria, hai máis de 5000 anos, onde os campesiños celebraban a fertilidade da terra e espantaban os malos espíritos.
  • En Exipto, en honor ao toro Apis.
  • Nos países indoeuropeos, en honor ao deus Karna.
  • En Roma, nas festas en honor a Saturno (as Saturnais).
  • En Grecia, en honor a Dionisio (as Grandes Dinosíacas).
  • Na cultura celta, en honor a Carna, deusa das habas e do touciño.

É curioso que todas elas coinciden na mesma época, polo que se considera que no fondo, cada unha destas celebracións estaba destinada a festexar a chegada da primavera e o final do inverno, o inicio dunha nova etapa de luz, cor, abundancia e prosperidade.

Coa chegada do cristianismo o Entroido convértese nunha “etapa de transición”, na que os cristiáns se preparan para entrar nun período de purificación, por medio da abstinencia e o xaxún durante corenta días, para recibila Pascua. Nestes días previos ao Mércores de Cinza, case todo estaba permitido e a xente tapaba a súa cara para gardar o anonimato (de aí o costume de disfrazarse).

Ben certo é que mundialmente son moi coñecidos os de Venecia, Brasil, Nova Orleáns … ou máis cerca os de Cádiz ou Tenerife.

Pero máis certo é que os galegos neste tema non temos nada que envexar grazas aos Entroidos de : Allariz, Castro Caldelas, Cangas, Cobres, Comarca do Deza, Cotobade, Froxás das Viñas, Laza, Maceda, Manzaneda, Ribeira do Miño, Salcedo, a Ulla, Verín, Viana do Bolo, Vilaboa, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia … e un longo etcétera.

Lugares nos que estando prohibidos na época da ditadura, seguíronse a celebrar de maneira clandestina, arraigándose aínda máis a tradición, que vinculada coa gastronomía propia da época do ano (lacón, chourizo, grelos, filloas, orellas …), axudou a preservar enormemente a riqueza cultural de Galicia.

Propoñémosche un xogo. Adiviña de onde é orixinario cada un dos personaxes da seguinte galería de imaxes …

Scroll al inicio