TRADICIÓNS DE NADAL NO MUNDO

ADORNOS DE NADAL:

Conta unha lenda popular de varios países de Europa do Leste que unha familia pobre, que non tiña con que decorar a súa casa, levantouse o día de Nadal e a súa árbore estaba cuberta de arañeiras que unha araña tecera durante a noite. Cos primeiros raios de sol as teas de araña convertéronse  en fíos de ouro e prata e a familia nunca máis volveu a pasar penurias. Por iso, en Ucraína é tradición decorar a árbore con motivos de arañas e arañeiras, como símbolo de sorte e fortuna.

En Liberia a árbore é unha palma de aceite decorada con campás.

Os nenos alemáns esconden un pepinillo encurtido entre os adornos da árbore. O afortunado que o atope recibirá o dobre de regalos.

No norte de Francia, alá polo 1858 houbo unha gran seca que fixo que as maceiras non deran froito e as árbores de Nadal quedaran sen o seu adorno preferido. Un artesán do vidro, da zona de Lorena, intentou compensar isto soprando unhas mazás de vidro, converténdose así no adorno estrela das árbores de Nadal francesas. Na República Checa córtase a mazá pola metade se ten unha estrela é sinal de boa sorte, se é unha cruz todo o contrario.

No sur de México cada 23 de decembro celébrase a noite dos ravos, onde artesáns e comerciantes vende ravos minuciosamente tallados que representan presebes e animais entre outras figuras. Estes ravos esculpidos soen utilizarse como centros da mesa de Nadal e o autor ao mellor deseño gaña un premio económico.

O Nadal filipino é o máis longo de todo o planeta. A decoración nas rúas e prazas comeza en setembro e o ambiente de Nadal non remata ata o primeiro domingo de xaneiro. As familias reúnense en Noiteboa nunha gran cea. O día anterior celébrase o festival de lanternas, no que os diferentes pobos compiten por construír o mellor e maior farol de todos.

Na India tamén se colgan grandes lanternas de papel en forma de estrela e decóranse árbores de plátano e mango con adornos e teas brillantes.

Nalgunhas rexións de Grecia é típico decorar con barcos veleiros en lugar da árbore de Nadal, como símbolo de sorte e prosperidade.

En Colombia a xente coloca veliñas e faroliños nas ventás, balcóns e xardíns. Esta tradición, en honor á Virxe María e a Inmaculada Concepción, fíxose tan popular que cada vez as velas e faroliños son máis elaborados, competindo para ser os máis impresionantes.

COMIDA:

Os nenos de Groenlandia no Nadal comen mattak, ou sexa pel de balea crúa cun pouco de graxa, e kiviak, prato que consiste en envolver alcas, un pequeno paxaro ártico, nunha foca que é enterrada durante meses, para despois comer a súa carne podre.

En Polonia a cea de Nadal consta de 12 pratos, un por cada mes do ano. Un deles é o kuita, unha mestura de grans de trigo, froita e mel que simboliza abundancia e prosperidade.

En países do leste de Europa é tradición manter unha carpa viva na bañeira ata o día do Nadal. Chegado o día formará parte da cea. Tense a crenza de que as escamas de peixe dan boa sorte e nalgunhas casas colócanse debaixo do prato.

En Finlandia cocíñanse gachas de avea que levan escondida unha améndoa. A sorte é para quen a atope.

Os xamaicanos beben unha bebida a base de xenxibre e comen un pastel empapado en ron. E en Irlanda fan un pudin con cervexa ou whiskey que lle deixan a Papa Nöel.

En Rusia cómense 12 pratos que representan os 12 apóstolos, entre os que non pode haber carne.

Na cea de Fin de Ano filipina a froita ten un gran protagonismo. É habitual decorala mesa con 12 tipos froitas diferentes redondas, xa que o círculo é símbolo de riqueza e boa sorte. Polo mesmo motivo é típico vestirse de lunares e facer ruído coas moedas que se levan nos petos para atraer a prosperidade.

Os etíopes e exipcios, o día de Nadal fan dieta vexetariana, non comen ningún alimento procedente de animais. So despois dos actos relixiosos, que soen alargarse ata a madrugada, cando chegan á casa, poden desfrutar dos alimentos que tiñan privados.

En Eslovaquia o home máis vello da familia debe lanzar unha cullerada de loksa (prato típico) ao teito. Canta máis cantidade se quede pegada máis próspero será o ano vindeiro.

REGALOS:

En México durante 9 noites as familias van de pousada en pousada para representar o periplo de María e San Xosé. Posteriormente os nenos rompen as piñatas de sete picos, que representan os sete pecados capitais, onde o recheo é a recompensa por vencelo pecado.

En Serbia, dous domingos antes do 25 de decembro os nenos da casa secuestran á súa nai e a atan nunha cadeira para pedir como rescate os regalos de Nadal. Ao día seguinte repiten a mesma operación co pai.

As familias catalás soen colocar un tronco, con cara e barretina, na casa a principios de decembro. Tápano cunha manta e vano alimentando con doces ata o día de Nadal. Chegado o día os nenos cántanlle cancións e péganlle cun pau para que cague os regalos.

En Letonia é necesario recitar un poema ou contar un conto como sinal de agradecemento antes de abrir cada regalo e en Ucraína e Polonia débese esperar a que apareza a primeira estrela no ceo.

En Islandia é típico regalar libros e pasan toda a Noiteboa lendo.

En países como Suíza, Francia, Alemaña ou Inglaterra, nos séculos XVI e XVII era tradición regalar un crebanoces, xa que se cría que traía boa sorte e protexían fronte aos espíritos malignos.

Os holandeses envolven os regalos para que parezan algo completamente diferente ao que son en realidade.

LIMPEZA:

Os guatemaltecos cren que o diaño e outros espíritos malignos viven nos recunchos escuros e sucios do fogar. A semana antes de Nadal limpan, varren e recollen o lixo, amontoando todo fóra da casa coa intención de prenderlle lume e coroando a fogueira cunha efixie do diaño. A idea e queimar todo o malo do ano anterior e comezar un ano novo dende as cinzas.

En Uruguai e Porto Rico, en Fin de Ano, tírase un caldeiro de auga pola ventá como símbolo de desfacerse do vello para que entre o novo e en Chile várrese a casa durante a noite para limpala de malas enerxías e vibracións.

En Nápoles o día de Fin de Ano tíranse os trastes vellos pola ventá.

Nos países nórdicos teñen por costume esconder tódalas vasoiras para que as bruxas non poidan voar nesta noite. Algunhas familias incluso disparan ao aire para espantar os malos espíritos.

RECORDO AOS DEFUNTOS:

En Irlanda o día de Noite Vella as familias deixan as portas das súas casas abertas para que os seus devanceiros poidan entrar e compartir a entrada ao Ano Novo. En Filipinas faise para deixar entrar a boa sorte.

Tamén se leva a cabo en moitas partes de Galicia deixando, en Noiteboa, comida na mesa, por se lle dese por aparecer a algún ser do máis alá.

En Portugal, nalgúns fogares resérvanse lugares baleiros na mesa do comedor para os familiares falecidos, crendo que isto atraerá a boa fortuna para o fogar.

En Finlandia, ademais de ir á sauna, é común visitar os cemiterios en honor aos que xa non están.

ZAPATOS:

En Grecia, queimar os zapatos vellos, que foron utilizados durante todo o ano, é unha forma de previr a mala fortuna no ano entrante.

En Inglaterra da boa sorte levar zapatos novos en Nadal, incluso é costume regalalos.

Na República Checa as mulleres casadeiras, se queren saber o que lles depara o ano novo, deben poñerse de costas á porta de entrada da súa casa e lanzar un zapato por riba do seu ombreiro dereito. Se a punta do zapato está orientada cara a porta escoitaranse badaladas de voda, se non haberá que espera un ano máis.

ANIMAIS:

En Brasil, existe a crenza que durante o Nadal os animais teñen a capacidade de falar, polo que os nenos pasan todo o día falando coas súas mascotas coa esperanza de que estas lle respondan.

Nalgunhas partes de Romanía unha persoa  vestida de cabra dedícase a facer travesuras.

En Suecia, na praza do castelo de Gävle,  colócase unha cabra de palla xigante. En teoría debería permanecer alí ata o 1 de xaneiro, pero xa se converteu nunha tradición intentar atentar contra ela, de xeito que se recrutan voluntarios para coidala e o goberno chegou a impoñer penas por vandalismo.

BADALADAS, RUÍDO E PETARDOS:

En Xapón, fronte as 12 badaladas de España, os mosteiros budistas tocan 108, unha por cada pecado que poboa a mente humana. É o chamado “Joya no kane”.

En certos barrios de Cuba celebran o Nadal cunha guerra de fogos artificiais, petardos e bengalas. A orixe desta costume remóntase ao 1820, cando o cura Francisco Vigil de Quiñonés “Francisquito” contratou a un grupo de xoves para facer ruído nas noites do 16 e 24 de decembro co propósito de non deixar durmir aos veciños, para que foran ás misas do Aguinaldo.

En Dinamarca na Noite Vella é tradición rompelos pratos da cea para atraer a boa sorte.  A vaixela e lanzada contra as portas dos seres queridos.

Nas ceas de Nadal do Reino Unido son típicos os Christmas Crackers, cilindros en forma de caramelo envoltos en papel de regalo e tratados con pólvora para asegurarse que fan moito ruído ao abrilos. Orixinariamente no seu interior había unha coroa de papel, unha sorpresiña, caramelos e unha folla cun chiste ou frase escrita.  Unha persoa tira por cada extremo ata que o paquete rompa. A persoa que consiga facerse coa parte máis grande queda co regalo.

¿PAZ E AMOR?:

Nunha rexión ao sur do Perú, na provincia de Chumbivilca, o día de Nadal, aquelas persoas que teñen algunha rifa pendente pelexan a puñadas para resolvela,  nun espectáculo público que reúne a toda a comunidade. É o coñecido como Takanakuy que ten as súas orixes no pobo indíxena peruano durante a colonización española.

OS REIS MAGOS:

Moitos etíopes cren que os Reis Magos eran 12 e non 3 e que eran etíopes. Neste país ao Nadal chámanlle Ganna ou Genna. Vístense de branco para a ocasión  e moitos locen a tradicional netela, unha peza fina de algodón con franxas de cores vivos nos extremos, que se usa como chal ou toga.

MALETAS:

En moitos países do Sur de América pasearse coas maletas en Fin de Ano augura un futuro cheo de viaxes.

PATÍNS:

En Venezuela o 25 de decembro acódese á misa en patíns, de feito péchanse as rúas ao tráfico para garantir a seguridade dos patinadores.

                               

                                                                        BO NADAL E FELIZ ANO NOVO DE TODO O EQUIPO DE “LA CASA DE KOLI” 

Scroll al inicio