31 de OUTUBRO

SAMAÍN provén da palabra gaélica “samhain” que significa fin do verán.

Aínda que esta celebración é de orixe celta, na época dos romanos substituíuse polo FESTIVAL DA POMONA (que rendía culto á deusa das mazás e do outono). Na Idade Media, co cristianismo, o papa Gregorio III declara o 1 de novembro como DÍA DOS MÁRTIRES CRISTIÁS. Posteriormente Gregorio IV ampliaríao a TÓDOLOS SANTOS, tradición que chega ata os nosos días.

Sendo unha das celebracións máis antigas que coñecemos, en Galicia comprobouse que nunca se extinguiu totalmente, xa que en moitos lugares certas costumes seguen levándose a cabo.

O Samaín galego está fortemente emparentado co Magosto, celebrándose en moitas ocasións xuntos, compartindo tradicións. Por exemplo, na zona de Sada e As Mariñas celébrase a FESTA DOS ZONCHOS o 1 de novembro. A palabra “zoncho” é a utilizada nesta zona para denominar as castañas cocidas. É importante escollelas grandes, cócense con pel e ensártanse nun fío a modo de rosario ou colar. Os maiores facían os colares e os nenos saían con eles á rúa.  Cada castaña comida representa unha alma liberada do purgatorio. Os nenos ofrécenllas aos veciños que pasan, para así liberar o maior número de almas posibles.

Na noite do 31 de outubro era habitual non recollela mesa despois de cear, por se as ánimas dos falecidos acudían durante a noite e tiñan fame. Ademais, deixábase a cheminea prendida para que non pasaran frío.

Tállanse cabazas para espantar os malos espíritos. Nas Rías Baixas chámanse calacús, en Cedeira son as caliveiras de melón, en Xermade as bonecas de remolacha e en Quiroga as cabazas sécanse e son utilizadas posteriormente como máscara de Entroido.

COLAR DE ZONCHOS

A SANTA COMPAÑA:

Conta a lenda que na noite do 31 de outubro unha procesión de ánimas vestidas con túnicas (negras ou brancas, segundo a versión), encapuchadas, descalzas, portando cirios nas súas mans… pasean polos silandeiros e misteriosos camiños das aldeas.

Contan os que a viron que ven acompañada de néboa, frío intenso, silencio e un penetrable olor a cera e incenso. Que os cans ouvean, os gatos foxen e os paxaros calan. Que, en ocasións, pódense escoitar a súa campaíña marcando o ritmo, o son de cadeas arrastradas, os seus laios e os seus rezos e cánticos.

Vai guiada por un vivo, o cal baixo ningún pretexto pode virar a cabeza cara atrás. Porta unha cruz e un caldeiro con auga bendita e anunciará a morte á primeira persoa coa que se cruce, traspasándolle así a súa condena. Por este motivo non é ben saír a partir das doce da noite.

Dise que a Santa Compaña non poderá capturar a alma dun mortal se este se atopa nun cruceiro, de aí que sexa un elemento tan importante para a nosa protección e que os haxa a moreas por todo o territorio galego.

E aínda que librarse dela non é fácil sempre se pode disimular, como que non a viches, e apartarse discretamente do seu camiño, levar amuletos (cruces, escaravellos ou allos), facer un círculo e meterse dentro del,  tombarse boca abaixo, cerrar os ollos e rezar, levar os brazos cruzados ou as dúas mans ocupadas, abrilos brazos en cruz e berrar “cruz xa teño”…

Ese todo isto fallara: fuxe, corre como se non houbese un mañá.

Scroll al inicio