DÍA DAS LETRAS GALEGAS

O Día das Letras Galegas instaurouse no 1963, pola Real Academia Galega, para homenaxear a todas e todos aqueles persoeiros que dalgunha maneira colaboraron na defensa e promoción da lingua e cultura galega coa súa creación literaria.
Este ano está adicado ao escritor, avogado, intelectual e político FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO (Vilanova de Lourenzá 1913-Vigo 2010), un dos fundadores da Editorial Galaxia e presidente da Real Academia Galega do 1997 ata o 2001.
Cultivou a narrativa, o ensaio, o xénero xornalístico, os libros de viaxes, dicionarios, antoloxías, biografías …
Entre outras distincións posuía a Medalla Castelao, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, recibiu a insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela ou a Medalla de Ouro de Galicia.
Pola defensa e promoción da Cultura Galega foi galardoado con numerosos premios: Pedrón de Ouro, o Premio Trasalba, o Premio de Creación Cultural, o Premio das Artes e Letras de Galicia … por nomear algúns.

Pero ¿onde atopamos a orixe do uso e desfrute do galego?
OS INICIOS NA ESCRITA:
Na ÉPOCA MEDIEVAL o galego utilizábase en tódolos estamentos e ámbitos sociais: administrativo, notarial, xurídico, relixioso e literario, competindo co latín so para certos usos. Durante esta época soa en boca de tódolos trobadores e segrares en tódalas cortes de España e, incluso, moitos poetas de fóra de Galicia o usan como lingua poética.
Tras este período esplendoroso, virán tres séculos de decadencia. Son os denominados SÉCULOS ESCUROS (XVI, XVII e XVIII) no que o galego desaparece dos escritos, quedando relegado ao ámbito popular en forma de ditos ou refráns, cantigas e cantos de berce ou representacións teatrais populares.
No 1671, Gabriel Feijóo escribe o que é considerado o primeiro texto teatral en lingua galega “A contenda dos labradores de Caldelas”, que inclúe fragmentos en galego, en portugués e en castelán.

A mediados do século XIX nace o movemento social, intelectual e literario denominado REXURDIMENTO que supón o inicio dunha nova época para o galego.
“Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro (publicado en 1863) é considerado o primeiro poemario do século XIX escrito integramente en galego.

A prosa renacerá máis tarde e a primeira novela contemporánea impresa en galego será “Maxina ou a filla espúrea”, do escritor estradense Marcial Valladares, publicada no 1890.

A primeira publicación escrita integramente en galego trátase de O Tío Marcos D’a Portela, editada por primeira vez no ano 1876, en Ourense, da man de Valentín Lamas Carvajal.
Primeiro quincenalmente e tras dous meses semanal, estaba dirixida aos campesiños e á xente da aldea. Aínda que nas súas páxinas predominaban os temas relacionados coa literatura (tanto culta como popular: poesía, contos, refráns, cantigas …), tamén se podían atopar artigos políticos e de opinión, relacionados coa defensa do idioma, a emigración e críticas ao caciquismo, entre outros temas.

Pero ¿como foi o inicio das outras artes que tamén colaboraron e colaboran na promoción do uso da lingua galega?
OS INICIOS NA MÚSICA:
Ao igual que ocorreu coa literatura, a ÉPOCA MEDIEVAL é un período esplendoroso para a música en galego. Dan conta de elo “As Cantigas de Santa María” de Afonso X o Sabio, o pergamiño Vindel do trobador galego Martín Códax ou o pergamiño Sharrer de Don Dinís, rei de Portugal.



Nos SÉCULOS ESCUROS o galego queda relegado ás cantigas de cegos, ás panxoliñas, a cantos de berce ou cantigas tradicionais, que se foron transmitindo co paso do tempo de forma oral.
Co REXURDIMENTO aparecen varios estudosos interesados polo folclore popular como Marcial del Adalid (coa súa “Marcha triunfal Galicia” de 1859 ou “Cantares Viejos y Nuevos de Galicia” de 1877, por exemplo) ou José Inzenga de cuxa obra “Cantos e bailes populares de España” cabe destacar a súa “Muiñeira”.
Por outra banda, Perfecto Feijoo, no 1883, funda o coro Aires d’a miña terra, que realizaría a súa primeira gravación comercial no 1904.



OS INICOS NO CINE:
A primeira sesión de cine en Galicia tivo lugar no Circo Coruñés no 1896. Grazas as descricións dos principais xornais da época da cidade da Coruña (El Diario de Galicia, El Telegrama e La Voz de Galicia) sábese que se proxectaron imaxes relacionadas co Express de París, as carreiras de cabalos en Londres, as carruaxes sobre o Thámesis, as regatas en Stanley ou a ópera de París.
Sen embargo houbo que esperar ata o ano 1989 a que Chano Piñeiro estreara “Sempre Xonxa”, considerada como un dos primeiros largometraxes rodado integramente en galego.
Xunto con “Urxa”, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal (tamén de 1989), e “Continental” de Xavier Villaverde (no 1990), serán consideradas as precursoras do cine en galego.



Esta é a nosa pequena e humilde homenaxe aos inicios das artes en galego. A Época Moderna da para outro capítulo.