30 xaneiro​

Se ben é certo que o DÍA INTERNACIONAL DA PAZ celébrase o 21 de setembro,  dende 1964 o día escollido polos centros educativos españois para celebrar o DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON VIOLENCIA é o 30 de xaneiro.

Esta data coincide coa conmemoración da morte do Mahtama Gandhi (India 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxusticia e que foi asasinado a balazos precisamente por defender estas ideas.

"Opóñome á violencia porque , aínda cando parece facer o ben, o ben é so temporal e o mal que fai é permanente". Gandhi.

“Hermanos de las estrellas” é o himno deste día, con letra de Llorenç Vidal (profesor, poeta e pacifista mallorquino,  impulsor deste movemento) e música de Andreu Bennàssar (compositor e pianista), do que existen, ademais da castelá, varias versións: unha eúscara, outra  catalana-balear, unha galaico-portuguesa e outra interlingua.

 

 

Os centros educativos aproveitan este día para recordar o seu importante papel como defensores da paz, fomentando o entendemento entre as persoas de distintas razas, culturas, relixións, diferentes maneiras de pensar… sendo os transmisores dunha mensaxe de tolerancia, solidariedade, respecto aos Dereitos Humanos,  a non violencia, a xustiza, ao compromiso …

Unha educación equitativa, inclusiva e de calidade en tódolos niveis educativos é a ferramenta imprescindible para que “a paz sexa o camiño” como tanto ansiaba Gandhi. Unha educación baseada na non violencia, na que a resolución de conflitos  se basee no diálogo, no respecto, na participación, na actitude crítica… valores, todos eles, dirixidos cara unha convivencia pacífica.

Se queres colaborar, axúdanos a ensinarlles ás/aos túas/teus fillas/os a:

  • Adquirir valores de respecto, tolerancia, empatía …
  • Diferenciar entre distintos tipos de violencia.
  • Expresar emocións relacionadas coa violencia: ira, medo, sufrimento … e coa paz: alegría, tranquilidade, amor …
  • Coñecer outras razas, culturas, relixións, costumes …
  • Recoñecer o valor da diversidade.
  • Recoñecer e evitar actitudes de racismo e xenofobia.
  • Ser conscientes da necesidade de acabar con actitudes violentas, como a do acoso escolar.
  • Pedir axuda en caso de conflito.
  • Resolver os conflitos de forma pacífica e creativa, a través do diálogo, da reflexión, da negociación … 
Scroll al inicio