A árbore de Nadal

Outra vez volvemos a recorrer aos celtas para explicar unha das nosas tradicións máis arraigadas, pois parece ser que estes celtas éranche moi festeiros e tiñan a manía de celebralo todo.
Pois o dito, para celebrar o solsticio de inverno, decoraban os carballos (considerados árbores sagrados) con froitas e velas e con elo facían un chamamento á nova vexetación e á luz do sol.
Outra versión conta que na antigüidade, os xermanos pensaban que tanto a Terra coma os Astros pendían dunha árbore xigantesca (a Divina Idrasil). As súas raíces estaban no inferno, no reino dos mortos e a súa copa no ceo, na morada dos deuses e o palacio de Odín.
Conta a lenda que no século VIII, San Bonifacio (un misionero de orixe inglesa) discutía na rexión de Hesse (centro de Alemania), cuns druídas o valor sagrado dos carballos, en concreto o de un consagrado a Thor. Enfadado con tal afirmación e ante a atónita mirada dos lugareños cortou o carballo e todo o que había ao seu arredor e como misión evanxelizadora plantou un abeto, xa que representaba a vida eterna, pois as súas follas sempre estaban verdes e a súa copa apuntaba cara o ceo.
A partir de entonces o cristianismo foi apropiándose e modificando esta tradición decorando a árbore con mazás, as cales representan o pecado orixinal, con velas en representación da luz divina, con lazos como símbolo da familia… e, como non, recordando a estrela de Belén representando a fe que nos guía cara o cristianismo.
O costume de adornar a árbore de Nadal non chegou ata o noso país ata o século XIX, da man dunha princesa rusa, Sofía Troubetzkoy, casada co aristócrata, político e militar José Osorio, e un dos responsables da subida ao trono de Alfonso XII.
