25 DE NOVEMBRO

Segundo a Ley 11/2007, de 27 de julio, gallega para la prevención y el tratamiento integral de la violencia de género, enténdese por violencia de xénero “calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres, que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público, como na vida familiar ou privada”.

No seu artigo 3 define as diferentes formas de violencia de xénero e fundamentalmente recolle as seguintes:

VIOLENCIA FÍSICA: calquera acto de forza contra o corpo da muller, con resultado ou risco de producir lesión física ou dano.

VIOLENCIA PSICOLÓXICA: inclúe toda conduta, verbal ou non, que produza na muller desvalorización ou sufrimento, a través de ameazas, humillacións ou vexacións, esixencia da obediencia ou submisión, coerción, insultos, illamento, culpabilización ou limitación do seu ámbito de liberdade.

Exercida, calquera das dúas, por quen sexa ou teña sido o seu cónxuxe ou por quen estea ou teña estado ligado a ela por análoga relación de afectividade, aínda sen convivencia. Tamén se inclúen os actos de violencia física contra a muller exercidos por homes do seu entorno familiar ou do seu entorno social e/ou laboral.

VIOLENCIA ECONÓMICA: inclúe toda privación intencionada, en non xustificada legalmente, de recursos para o benestar físico ou psicolóxico da muller e das súas fillas e fillos ou a discriminación na disposición dos recursos compartidos no ámbito da convivencia da parella.

VIOLENCIA SEXUAL E ABUSOS SEXUAIS: inclúen calquera acto de natureza sexual forzada polo agresor ou non consentida pola muller, abarcando a imposición, mediante a forza ou con intimidación, de relacións sexuais non consentidas, e o abuso sexual, con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella, afectiva ou de parentes coa vítima.

ACOSO SEXUAL: inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, pre-valéndose o suxeito activo dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito de dita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou premio no ámbito da mesma.

TRÁFICO DE MULLERES E NENAS CON FINES DE EXPLOTACIÓN: calquera que fora a relación que una a vítima co agresor e o medio utilizado.

CALQUERA OUTRA FORMA DE VIOLENCIA RECOLLIDA NOS TRATADOS INTERNACIONAIS que lesione ou sexa susceptible de lesionar a dignidade, a integridade ou a liberdade das mulleres.

No 2020 en España:

  • 29215 mulleres sufriron algún tipo de violencia de xénero, 8.260 foron vítimas de violencia doméstica.
  • 46 mulleres foron asasinadas (1118 dende o 2003, ano no que se empezaron a facer rexistros). A maioría menores de 50 anos que deixaron 26 orfos menores de idade.
  • 175 nenas menores de 16 anos sufriron abusos ou agresións sexuais.
  • Segundo unha Macroenquisa de Violencia contra a Muller, levada a cabo polo Ministerio da Igualdade no 2019; máis do 7% recoñecen que recibiu unha labazada ou lle tiraron algo con intención de facerlles dano, un 9% que as empurraron ou tiraron do pelo e máis dun 3 % que as patearon, arrastraron ou pegaron unha malleira.

No mundo millóns de mulleres e nenas (o 35% das mulleres de todo o mundo segundo a ONU) sofren algún tipo de violencia de xénero, mentres que os seus perpetradores gozan de total impunidade, relegando ás vítimas ao silencio, a estigmatización e a vergoña.

Isto débese, en parte, a:

  • unha cultura/educación/linguaxe… xustificadas pola tradición, que seguen mantendo á muller en condicións de suposta “inferioridade”,
  • desigualdades entre ambos sexos no ámbito laboral/económico/social …,
  • que dita discriminación está normalizada e non é vista como tal,
  • confusión de conceptos que falan do masculino e feminino como posicións enfrontadas,
  • á desigualdade distribución entre o traballo doméstico e as responsabilidades de coidado,
  • as relacións de poder do home sobre a muller alimentadas pola literatura/teatro/cine/publicidade…

Quizais, so quizais, tamén teñan algo que ver ás lexislacións precarias e ás insuficientes políticas públicas.

Scroll al inicio