20 DE NOVEMBRO

A Asemblea Xeral da ONU aproba, por unanimidade, o 20 de novembro do1959 a Declaración dos Dereitos do Neno.
Certo que foi o primeiro gran consenso internacional sobre este tema pero, xa que legalmente non tiña carácter vinculante, non era suficiente para protexer os Dereitos da Infancia.
Despois de moitos anos de negociacións, con gobernos de todo o mundo, líderes relixiosos, ONGs e outras institucións, acórdase o texto final na Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN), o 20 de novembro do 1989, cuxo cumprimento é obrigatorio para tódolos países firmantes, que están obrigados a respectalos e facelos cumprir sen distinción de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión, procedencia, posición económica, crenzas, impedimentos, nacemento ou calquera outra condición da/o nena/o, das súas nais, pais ou representantes legais.
O Día Universal do Neno serve, polo tanto, para chamala atención sobre a situación das nenas e nenos máis desfavorecidos, dar a coñecer os Dereitos da Infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo benestar do desenvolvemento das cativas e cativos máis vulnerables.
O seus 10 principios básicos son:
- O dereito á igualdade, sen distinción de raza relixión ou nacionalidade.
- O dereito a ter unha protección especial para o desenvolvemento físico, mental e social da nena/o.
- O dereito a un nome e unha nacionalidade dende o seu nacemento.
- O dereito a unha alimentación, vivenda e atención médicas adecuadas.
- O dereito a unha educación e a un tratamento especial para aquelas/es nenas/os que sofren algunha discapacidade mental ou física.
- O dereito á compresión e ao amor das nais/pais e da sociedade.
- O dereito a actividades recreativas e a unha educación gratuíta.
- O dereito a estar entre os primeiros e recibir axuda en calquera circunstancia.
- O dereito á protección contra calquera forma de abandono, crueldade e explotación.
- O dereito a ser criado cun espírito de comprensión, tolerancia, amizade entre os pobos e a irmandade universal.

Despois da Segunda Guerra Mundial, no 1946, nace UNICEF (United Nations International Children’s Emergency Fund), converténdose no 1953 nun organismo permanente dentro do sistema da ONU, traballando prioritariamente en: supervivencia e desenvolvemento infantil, educación e igualdade de xénero, a infancia e o VIH, protección infantil e promoción de políticas e alianzas. Deste xeito pasa a ser a principal e máis coñecida organización internacional encargada de protexer os dereitos da infancia.
Pero son moitas as organizacións non gubernamentais, tanto internacionais como nacionais, que traballan neste tema: Cruz Vermella (1863), Believe in Children (1866), Save de Children (1919), Plan Internacional (1937), Oxfam Internacional (1942), Cáritas (1947), Aldeas Infantís/SOS Infancia (1949), Amnistía Internacional (1961), Axuda en Acción (1981), Pallasos sen Fronteiras (1993), Infancia sen Fronteiras (1998), Global Humanitaria (1999), Fundación Pequeno Desexo (2000), Coalición para Rematar coa Utilización de Nenos e Nenas Soldado (2003) …
Aínda así, AO DÍA, morren no mundo:
- 18.000 nenas/os entre 1 e 4 anos, de fame.
- 4.000 nenas/os por falta de auga potable e sistemas de saneamento.
- 7.000 bebés por falta de atención médica.
- 800 nenas/os menores de 5 anos a causa de malaria.
- 2.000 nenas/os a causa de pneumonía.
- 2.400 nenas/os menores de 5 anos en conflitos bélicos (en: Afganistán, Camerún, Iemen, Etiopía, Sáhara Occidental, Sudán do Sur, República Centroafricana, República Democrática do Congo, Mozambique, Siria, Iraq, Malí, Nixeria, Somalia …).
- …
As cifras son arrepiantes. Moitas destas mortes poderían ser evitables e, aínda que pouco a pouco os datos van mellorando, queda moito por solucionar.