A VIDA E A MORTE

En tódolos países do mundo, dun xeito ou doutro, os vivos renden culto a familiares, amigos ou coñecidos que xa non están entre nós.
En moitos sitios, estes ritos baséanse no recorrido histórico e na mestura de diferentes culturas ( ritos celtas e católicos no Samaín ou prehispánicos e católicos no Día dos Mortos dos países latinos de América, por exemplo).
Pero en calquera caso, trátase de render un tributo á xente que dalgunha maneira honramos en vida e que agora botamos en falta.
Aquí vos deixamos algúns exemplos:
DÍA DE DIFUNTOS/DÍA DOS FINADOS: en España, Venezuela, Arxentina, Chile, Brasil, Portugal …
As familias limpan as tumbas dos seus seres queridos e decóranas con flores e velas. O Día de Defuntos visítase o cementerio en familia e acódese á igrexa.
Nesta época cómense produtos doces típicos como os ósos de santo, buñuelos de vento, buñuelos de cabaza, os panellets (en Cataluña) …
En Colombia tamén é típico deixar nas tumbas ofrendas de comida, xoguetes e auga.

DÍA DE LOS MUERTOS: México, Nicaragua, Panamá …
Móntanse altares coloridos con papel picado, flores de cempasúchil, caveiriñas literarias, recordos e fotos dos defuntos. Como ofrenda: comida, bebida e caveiras de azucre, entre outros doces … A xente píntase a cara de esqueleto ou catrina e hai música por todas partes.
En Guatemala son típicos os BARRILETES MAIAS: cometas con mensaxes escritos a man para comunicarse cos mortos.

En Perú fanse as TANTAWAWAS ou GUAGUAS, que son un pan doce con forma de bebé.

En Ecuador, ademais das guaguas, bébese COLADA MORADA, unha bebida púrpura a base de millo.

En Bolivia as guaguas, ademais de forma de bebé, poden ter forma de sol, de lúa, de esqueira, de cabalo, outros símbolos da nai terra, da vida ou da morte.

En Belice, prepáranse alimentos típicos como o MUKBIL POLLO, con masa de millo, polo, tomate, condimentos … envolto en folla de plátano formando un tamal grande.

HALLOWEEN: EEUU, Gran Bretaña, Canadá …
Nenas e nenos van disfrazados (zombis, bruxas, esqueletos …) de porta en porta co seu TRICK OR TREATING (TRUCO OU TRATO), ou sexa: trasnada ou lambetada. Tamén son típicas as JACK-O`-LANTERN ou cabazas talladas con luz dentro. É unha noite de sustos, bromas e historias de terror.
FESTIVAL DE FET GEDÉ: Haití.
Trátase dun ritual relixioso de estilo vudú. As ofrendas nas tumbas consisten en velas caseiras de cera de abella, flores, cacahuetes, café … e botellas recheas de ron con chile, para quentar os ósos do Deus da Morte Bawon Samedi (Barón Sábado) e do seu fillo Gedé.
Os participantes van vestidos de vermello e negro e fuman, beben e comen mentres din obscenidades.
Unha sacerdotisa, coñecida como a MAMBO, dirixe unha cerimonia sanguenta (na que se sacrifican galiñas ou pombas) e onde baña unha cruz en ron e a prende con lume para liberar aos crentes dos seus pecados.

UNDÁS: Filipinas.
As persoas viaxan dende calquera punto para reunirse coas súas familias para celebrar este día tan especial, que en forma é moi parecido ao Día dos Mortos de México, pasando o día no cemiterio comendo, bebendo e incluso xogando ás cartas.
MAHALAYA: India.
Soe celebrarse na primeira quincena de setembro con cánticos sobre a reencarnación da DEUSA DURGA, Gran Deusa Nai de todo o Universo, pedíndolle que manteña aos demos ben afastados e protexa aos vivos. Moitas persoas aproveitan para bañarse no río GANGA, considerado sagrado polos hindús, mentres pide polos seus familiares defuntos.
PCHUM BEN: Camboia.
Celébrase con cánticos e ofrendas para ata sete xeracións atrás. Esta festividade dura 15 días e é tan importante que son vacacións en todo o país, para que todos poidan visitar ás súas familias. Ese día vístese de branco en sinal de loito e fanse ofrendas de comida, moitas delas nos templos budistas, para pedir a bendición dos monxes e aplacar a fame das ánimas dos que cometeron malos actos en vida. IAMA, o Rei do Inferno, libera estas almas para que busquen aos seus familiares. Se conseguen comida poderán reencarnarse, do contrario os familiares deberán temer as consecuencias.
QING MING: China.
Celébrase na primavera, limpando as tumbas e decorándoas con flores e ramas de salgueiro para afastar os malos espíritos. Entre as ofrendas, ademais de comida, destaca o papel JOSS queimado en representación de cartos ou obxectos de luxo. Tamén se queima incenso e bótanse petardos para avisar aos antepasados da nosa presencia. Grandes fogueiras e lanternas de papel que se lanzan ao ceo guían aos mortos no seu camiño ao máis alá.
OBON: Xapón.
Celebrada no verán, as ofrendas realízanse nun BUTSUDAN (altar en honor a Buda) con comida, flores e as CHOCHIN ou lanternas de papel. Tamén son típicas as figuriñas feitas con berenxenas ou cogombros, con patas de palillo, que representan cabalos ou vacas nas que os espíritos se trasladan dun mundo ao outro. O último día, na cerimonia do TORO NAGASHI, as familias guían aos seus antepasados de regreso ao outro mundo depositando as chochin en lagos ou ríos.
BOON PARA WATE: Tailandia.
Celebrada na primavera consiste nunha procesión (a PHI TA KHON) con música e desfile de máscaras, que dura tres días. No primeiro, os homes novos varóns disfrázanse de espíritos e pantasmas para gastarlle bromas aos aldeáns. No segundo, báilase e algúns participantes perseguen ás mulleres con enormes símbolos fálicos de cor vermella. No terceiro e último día, os monxes recitan no templo a historia da última reencarnación de Buda.
TAEBORUM: Corea do Sur.
Traducido como “gran lúa” é unha celebración que se fai no inicio da primavera. É tradición comezar o día comendo froitos secos, xa que os ruído que se fai con eles afastará aos malos espíritos. Tamén é típico comer o OGOKBAP (arroz cocido con outros cereais, legumes e verduras) e beber KWIBALKI SUL, unha especie de viño frío que aguza o oído del tal xeito que servirá para escoitar so boas noticias. Outros costumes son: subir unha montaña para contemplar a lúa (o primeiro que o faga terá boa sorte todo o ano) ou cruzar unha ponte tantas veces como anos se teñan (para non caer enfermo).
FAMADIHANA: Madagascar.
O pobo malgache celebra o regreso literal dos mortos ao mundo dos vivos, cada 7 anos, como demostración de respecto e amor polos seus familiares falecidos. Unha celebración con banquete, música e baile, nun ambiente festivo e de alegría, no que non hai cabida para a tristeza. Neste rito prodúcese a exhumación dos restos dos familiares e amigos, situación aproveitada para substituír a vella mortalla por unha nova. Os mortos participan en todo momento da celebración, sendo sentados á mesa e participando no baile.
E aquí en Galicia celebramos o SAMAÍN, sen embargo, para saber máis sobre este tema, deberás buscar nas entradas anteriores.
CELEBRADE A VIDA
E CELEBRADE A MORTE,
PERO CELEBRADE.
E SE BOTADES AL ALGUÉN DE MENOS
BUSCADE ENTRE AS ÁNIMAS
BUH!