O día das castañas en España

Atopámonos ante unha época de recolecta, de aproveitar o que a natureza nos ofrece nunha longa lista de produtos  de outono: castañas, noces, avelás, figos, mazás, cabazas, marmelo, laranxas, mandarinas, uvas, nabos, coles, millo, setas … 

A isto sumaremos unha serie de tarefas que hai que rematar antes de afrontar un longo inverno: a vendima, a matanza do porco, a recollida do millo … Tarefas que se fan moito máis levadías cando se levan a cabo en comunidade, acompañadas, como non, de gastronomía, música, bailes, xogos e bromas.

E aínda que non é o caso do Magosto galego (para iso xa temos o Samaín), en moitas zonas esta celebración está totalmente relacionada co Día de Defuntos ou Tódolos Santos.

 

AMAGÜESTU. ASTURIES.

Celebrada a finais de outubro, principios de novembro cando “el airín de les castañes” tira o froito dos castiñeiros.

A xente reúnese para colaborar no San Martín, na esfoyaza do millo  ao redor do lume, das castañas, da música de gaita, dos bailes, como a Danza Prima en corro ou o Riu Verde. 

As castañas son acompañadas por “sidra del duernu”, unha sidra doce, fresca e sen alcohol. 

 

MAGOSTA. CANTABRIA.

Celebrada coa chegada do ábrego, vento do sureste, tamén coñecido como “o vento das castañas”, na época do tardíu (outono). Nun prau (prado) colócanse uns paus cruzados, con oco para poder prender ben o lume. As castañas van sobre unha cama de fento trenzado de maneira grosa e, sucesivamente, capa de fento e outra de castañas ata rematar as castañas. Ao redor da fogueira soa música de pandeireta, de pitu, de tambor … e lévanse a cabo animados bailes. Unha vez listas as castañas, retíranse do lume e tápanse para que súen. No reparto, primeiro están os membros do concejo, despois os anciás, posteriormente os mozos e por último os nenos. A festa remata co enterro da bruxa (xeralmente representada pola castaña máis ruín de todas), a paus, baixo as cinzas aínda fumegantes da fogueira, co fin de evitar terribles maleficios.
 

GAZTAINERRE. PAÍS VASCO.

Hoxe en día celébrase o luns seguinte a Tódolos Santos. Castañas, caracois en salsa, chourizos e morokil  (papas de leite con fariña de millo) conforman o menú deste día, acompañados de viño ou sidra caseiros. Antigamente homes e mulleres  celebrábano por separado. As mulleres reuníanse nos caseríos e os homes facíano nas tabernas de costume. Os bailes, tanto agarrados como soltos, estaban amenizados con música de trikitixa (acordeón pequeno), pandeiro, alboka (instrumento de vento feito con cornos), dulzaina …
 

CASTANYADA. CATALUÑA.

Na noite do 31 de outubro, ademais das castañas, é típico comer outros produtos de temporada como boniato (batata), cabaza, setas ou os típicos panellets (pasteliños en forma de bóla con base de pataca ou batata e cubertos de froitos secos) acompañados de moscatell. Antigamente as campás repenicaban toda a noite para honrar aos mortos e anunciar a chegada de Tódolos Santos. Nas casas a xente rezaba e asaba castañas, crendo que neste proceso conectaba cos defuntos. O ágape daba forzas ao campaneiro para tocar durante tantas horas.
 

LOS FINADOS. ILLAS CANARIAS.

Dende o 31 de outubro ata o 2 de novembro, entre castañas tostadas, mazás, améndoas e noces recórdanse aos seres queridos que xa non están. Era tradición poñer enriba das lápidas quintais de cereais, garrafóns de viño, cestas de pan, carneiros vivos … para sufragar os enterros e a misa de ánimas. Por outra banda, os ranchos de ánimas (grupos de homes que se dedicaban a tocar polas casas de porta en porta) pedían diñeiro para sufragar a misa polos defuntos.

 

LA CHAQUETÍA. EXTREMADURA E CASTILLA LEÓN.

Na tarde do 1 ou 2 de novembro, grupos de nenos van de casa en casa pedindo produtos típicos da época: castañas, figos, mazás, marmelo … co que posteriormente farán unha merenda.

Cantan coplas do estilo de: “Tía, la chaquetía, los pollos de mi tía, unos cantan, otros pían y otros piden ¡castañas cocidas!”

É curioso como este costume non pode deixar de recordarnos ao Trick’r Treat (Truco ou Trato) americano da noite de Halloween.

Na casa é típico preparar doces e tortas típicos para a ocasión. Entre eles a chaquetía: masa feita a base de ovos, azúcar, licor (augardente e anís), manteca, fariña e aceite.

 

Esta foi a nosa selección, pero se coñeces algunha máis fáinolo saber.

O QUE NOS GUSTA A NÓS UNHA FESTA!!!!

Scroll al inicio