Eventos

En esta categoría están los eventos organizados en La Casa de Koli.

Día internacional contra a violencia de xénero

IRMÁS MIRABAL O 25 de xaneiro de 1960 as IRMÁS MIRABAL (Patria, Minerva e María Teresa), despois de sufrir torturas, violación e privación da liberdade, eran salvaxemente asasinadas na República Dominicana, por loitar contra o réxime de Trujillo. Lonxe de solucionar o que o dictador consideraba un problema, esta acción provocou a reacción do pobo dominicano cada vez máis concienciado coas ideas das irmás Mirabal, culminando co asasinato do ditador en maio do 1961. RAFAEL TRUJILLO En  1981 celébrase do Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, en Colombia, e queda establecido que, en honor a elas, cada 25 de novembro celebrarase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Máis tarde, no 1993 a Asemblea Xeral Da Organización das Nacións Unidas (ONU) declara oficialmente esta data como o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, emitindo por primeira vez a Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller. A VIOLENCIA DE XÉNERO é aquela que se produce contra a muller, so polo simple feito de selo. Pode ser exercida dentro da casa, no traballo ou en calquera ámbito tanto da vida privada como da pública. Este tipo de violencia fundaméntase na suposta superioridade do home ante a muller e as súas manifestacións son moi variadas: violencia física, maltrato psicolóxico, violación, insinuacións sexuais non desexadas, abuso sexual infantil, matrimonio forzado,  acoso, feminicidio … A ONU entende como violencia de xénero: “todo acto de violencia que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as amezas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública como na vida privada”. Convén diferenciar entre estes tres termos: MACHISMO, HEMBRISMO E FEMINISMO MACHISMO: É A actitude de prepotencia dos homes respecto das mulleres. Trátase dun conxunto de prácticas, comportamento e ditos que resultan ofensivos contra o xénero feminino. HEMBRISMO: Aínda que a Real Academia Española non recolle este termo, refírese ao equivalente ao machismo, pero en sentido contrario, o que implica unha discriminación negativa en detrimento do home. NINGÚN DOS DOUS APOSTA POLA IGUALDADE DE XÉNERO!!! FEMINISMO: Doutrina e movemento social que pide para a muller o recoñecemento dunhas capacidades e uns dereitos que tradicionalmente estiveron reservados para os homes. Ten como obxectivo a busca da IGUALDADE DE DEREITOS ENTRE HOMES E MULLERES. Recoñecer que existen estas desigualdades inxustas e actuar para que deixen de existir é cousa de toda a sociedade: de homes e de mulleres. POR ISO: Respecta e escoita as túas fillas e fillos. Educa e sensibiliza Contra a Violencia de Xénero, a igualdade apréndese dende a infancia. Axúdalle a resolver os conflitos sen violencia. Non desculpes comentarios, bromas ou chistes de corte machista. Loita contra os roles de xénero. Reparte equitativamente as tarefas do fogar. Ofrece  as mesmas oportunidades e esixe as mesmas responsabilidades. Ensina a usar responsablemente as novas tecnoloxías de información e comunicación. Respecta os Dereitos Individuais (como o dereito á vida, á integridade persoal, á liberdade individual, á liberdade de expresión …).

Día internacional contra a violencia de xénero Leer más »

O Magosto

A orixe etimolóxica da palabra MAGOSTO non está moi clara pero hai teorías que defenden que procede do latín, de Magnus Ustus (gran lume) ou Magnum Ustum (resaltando o carácter máxico do lume). Segundo o Dicionario da Real Academia Galega refírese a unha comida que consiste fundamentalmente en castañas asadas, polo xeral acompañadas con viño. Como terra de castiñeiros (grazas, en parte, aos romanos) o Magosto convértese nunha festa tradicional fortemente arraigada en todo o territorio galego, pero sobre todo en Ourense e Lugo, cuxos soutos sobreviven á crise do século XIX, na que importantes enfermidades arbóreas acaban con moitas destas árbores. Manuel Murguía falaba do Magosto como dun banquete funerario no que, por un lado, a castaña e o lume simbolizarían a morte e, por outro, o viño faría referencia á unha nova vida. Celebrábase así o fin dunha colleita (a da castaña) e o inicio doutra (a do viño). A festa comeza coa recollida de leña e piñas, para facer unha boa fogueira, de onde sairán as brasas para asalas castañas. Por outra banda, xúntanse mozas e mozos para recoller as castañas,  “o pan dos pobres” ata a chegada do millo e da pataca dende as Américas, que en época de fame asegurou a supervivencia de moita xente en forma de froito seco, cociñadas ou en fariña. Por último e non menos importante, é de agradecer que alguén aporte o viño (aínda que actualmente non deben faltar tampouco chourizos e pan, non se diga que a festa non é perfecta).   É entón o Magosto unha festa para agradecer a colleita, na que son protagonistas o lume, as castañas e o viño novo, as xuntanzas de veciños, familiares e amigos para colaborar, divertirse, compartir contos e lendas ao carón das brasas, cantar e bailar, saltar a fogueira para evitar os malos espíritos (coma no San Xoan) e  pintala cara cos tizóns. Non é raro, polo tanto, que sexan moitas as teorías que o relacionan coa celebración do Samaín debido ás moitas semellanzas que hai entre ambas (importancia do lume/fogueiras, binomio vida – morte, fin dun ciclo – inicio doutro …).

O Magosto Leer más »

O Samaín

A palabra SAMAÍN é de orixe gaélica e significa “fin do verán”. A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro servía como a celebración do fin da temporada de colleitas e, polo tanto, considerábase como o Ano Novo Celta, que comezaba coa estación escura, o inicio de todo, cando o verán morría e comezaba o inverno. É a festividade de orixe celta máis importante do período pagán en Europa ata a conversión ao cristianismo. Durante a noite do Samaín os espíritos dos defuntos tiñan autoridade para camiñar entre o mundo dos vivos, dándoselle á xente a oportunidade de xuntarse cos seus antepasados. Era habitual colocar unha vela acendida na ventá para que os mortos atopasen o seu camiño e acostumábase baleirar nabos (posteriormente cabazas, debido a unha tradición irlandesa) para poñer a candea dentro. Volvían así as ánimas ás súas vellas moradas, para quentarse na cheminea e comer en compañía dos seus familiares vivos, por iso, unha das tradicións galegas durante esta noite é deixala mesa sen recoller e o lume sen apagar. FADA Tamén fadas e trasgos podían camiñar entre os dous mundos xa que a porta estaba aberta, por iso nas aldeas pechábanse as casas e non se lle abría a ninguén. Se había algún valente que o fixera, se recibía a visita dunha fada obtería sorte e fortuna para o seguinte ano, pero se a visita era dun trasgo a mala sorte caería sobre esta casa, en forma de calamidades e desastres. TRASGO Durante esta xornada tamén se acendían fogueiras para espantar aos malos espíritos e algunhas persoas cubríanse con máscaras e peles para despistar ás pantasmas, o cal explicaría a costume de disfrazarse. Varios séculos despois, esta tradición ten continuidade no actual Halloween, que exportaron os irlandeses e escoceses aos Estados Unidos no século XIX, principios do XX. Tal e como ocorreu con moitas das celebracións pagáns o cristianismo acabou absorbendo  e instaurando as súas propias festividades. Dende aproximadamente o século X celébrase o Día de Tódolos Santos (1 de novembro), no que se recorda ás persoas falecidas que están no Paraíso. Pero, ademais, ao pouco tempo a igrexa católica instaurou o Día de Defuntos (2 de novembro), no que se recorda tamén a aqueles que permanecen no Purgatorio. En Galicia, aparece a figura da Santa Compaña. A lenda conta que unha comitiva de defuntos avanza durante a noite en completo silencio portando cirios acendidos. Unha persoa viva vai diante coa cruz e o caldeiro de auga bendita e non pode, baixo ningún pretexto, volvela cabeza. So poderá librarse do seu cargo cando atope a outra persoa á que entregarlle a cruz e o caldeiro, antes de que faga un círculo na terra.  É necesario protexerse contra a maldición da Santa Compaña facendo  coma que non se ve ou subíndose a un cruceiro ata que pase de largo. O mestre Rafael López Loureiro comprobou que  o Samaín forma parte da tradición máis enraizada e enxebre de Galicia, que aínda se celebraba aquí ata hai pouco tempo, ademais de nalgunhas zonas de Cáceres, Zamora e León onde lingua e tradicións galegas están moi arraigadas, pola súa proximidade a Galicia.

O Samaín Leer más »

Scroll al inicio