Noticias

En esta categoría están las Noticias y novedades generales de La Casa de Koli.

17 de maio

DÍA DAS LETRAS GALEGAS O Día das Letras Galegas celébrase dende 1963 para homenaxear a aquelas/es escritoras/es que de dalgunha maneira destacasen pola súa defensa da lingua galega. Escóllese o 17 de maio por atribuírselle ser a data na que se publicou o primeiro exemplar de “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro, considerada “a primeira  obra mestra  coa que contou a literatura galega contemporánea”. A realidade é que non se sabe con exactitude cando se publicou “Cantares Gallegos”, pero o que si é certo é que o 17 de maio de 1863 Rosalía dedicoulle un exemplar á tamén poeta Fernán Caballero: “Señora: Por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales siento la más profunda simpatía, dedico a Vd. Este libro. Sirva él para demostrar a la autora de La Gaviota y de Clemencia, el grande aprecio que le profeso, entre otras cosas, por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país” Cada ano a Real Academia Galega escolle a unha personalidade para ser homenaxeada,  tendo que cumprir dous requisitos: destacar pola súa creación literaria en galego e facer ao menos 10 anos dende seu pasamento. O 2021 é o ano de  XELA ARIAS (Sarria, 1962- Vigo, 2003), que ademais dunha gran poeta,  foi editora e unha das primeiras tradutoras, á que lle debemos que moitos dos clásicos universais se poidan ler en galego. VIDE Convídovos ó espectáculo de non ser para ser de todo. Vide que vos convido a vos ver. Ven que te reto a ter ver ti a ti desde ti en ti. Nestes 58 anos de celebración so 5 veces a escollida foi unha muller. Vaia a nosa homenaxe para elas.

17 de maio Leer más »

15 de Maio

Día Internacional da Familia​ Recolle o dicionario da Real Academia Galega que FAMILIA é : “o conxunto de persoas unidas por lazos directos de parentesco, especialmente o constituído polo pai, nai e os fillos”. Observando os roles que desempeñan mulleres e homes na sociedade actual, estudados os cambios sociais e económicos e vista a evolución das estruturas familiares de hoxe en día, cada vez menos tradicionais ou convencionais, non cabe dúbida que esta definición é atemporal e está desfasada. Cada familia conforma un grupo moi particular, na que os lazos de sangue deixan de ter protagonismo e ceden o paso ás novas interaccións entre os seus compoñentes, á tolerancia, ao respecto e á liberdade individual de cada un dos seus membros. Polo tanto a familia tradicional (pais e fillos) desaparece para deixar emerxer a familias integradas por nais/pais solteiras/os, nais/pais do mesmo sexo, nais/pais con fillos de parellas anteriores … O núcleo familiar é o primeiro axente socializador do ser humano, onde se dan as primeiras interaccións e se establecen os primeiros vínculos emocionais.  Cada familia transmite ás súas fillas e fillos os seus hábitos, as súas costumes, os seus valores, a súa cultura … que pouco a pouco van conformando a súa personalidade e aporta aprendizaxes básicos para a posterior inserción na vida social. O Día Internacional da Familia foi proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de aumentar o grado de concienciación acerca dos temas relacionados coa familia e fomentar os lazos familiares.

15 de Maio Leer más »

23 de abril

Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor A UNESCO fixa no 1995 esta data como Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, en honor a Cervantes, Shakespeare e Garcilaso de la Vega , falecidos (ou enterrados, no caso de Shakespeare) o 23 de abril de 1616. “Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre a mellor maneira de difundila cultura escrita e de permitir que tódalas persoas, homes, mulleres, nenas e nenos, accedan a ela mediante a aprendizaxe da lectura e ao apoio ao oficio da edición, das librerías, das bibliotecas e as escolas”. Anos máis tarde (no 2001) a mesma UNESCO promove unha nova iniciativa pola que se nomea anualmente unha cidade como Capital Mundial do Libro, segundo a decisión tomada pola Unión Internacional de Editores, a Federación Internacional de Libreiros e a Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios e Bibliotecas. Todas as cidades adquiren o compromiso de promover os libros e a lectura e a organizar actividades durante todo o ano que lles corresponda. A primeira elixida foi Madrid e para o 2021 a  Capital Mundial do Libro é Tiflis, que centrará a súa proposta no uso das tecnoloxías modernas como ferramenta para promover a lectura entre a xuventude, co lema: “OK ¿ENTÓN O TEU PRÓXIMO LIBRO É…?”   BENEFICIOS DA LECTURA NAS/OS CATIVAS/OS: A lectura axuda a nenas e nenos a aprender cousas novas, a adquirir vocabulario, a expresarse mellor e a facerse entender, tanto a nivel familiar, escolar ou social. Favorece a capacidade de atención, concentración e comprensión. A nena e o neno que le entende mellor, procesa mellor a información e cústalle menos estudar, tendo mellores resultados académicos. Potencia a imaxinación e a creatividade. Fomenta a curiosidade. As cativas e cativos canto máis saben, máis queren saber, e polo tanto buscan información, respostas … e aumentan as súas inquedanzas e intereses. Desenvolve a empatía, xa que a través dos personaxes a/o nena/o é capaz de poñerse no lugar do outro, de coñecer os seus sentimentos e puntos de vista. Ler é divertido e unha forma de aprender a xogar so/a. POLO TANTO: Introduce a lectura nas súas rutinas habituais, lendo un pouco cada día. Busca un momento ideal, crea un ambiente agradable e xoga a ler. Respecta as súas capacidades e os seus gustos, escolle libros adecuados a súa idade, canto máis lle interese o libro máis atención poñerá e máis quererá saber. Non a/o obrigues. Recorda que nesta etapa manteñen a atención durante pouco tempo e teñen a necesidade inherente de moverse. Cando lle leas un conto, ponlle emoción: xoga coa voz, co ritmo, co ton, canta, esaxera … saca a túa parte dramática, divírtete… Ten sempre libros á man. Ponos ao seu alcance, déixallos tocar, pasar follas, ver os debuxos … Acostúmaos a ir a bibliotecas e librerías … Regálalle libros. E sobre todo recorda: somos o espello no que se reflicten, así que: LE.  

23 de abril Leer más »

Día mundial forestal

Benquerida primavera​ Celebramos o Día dos Bosques simplemente porque, no Planeta Terra, plantas e árbores son indispensables para a vida, xa que purifican o aire que respiramos, convertendo o dióxido de carbono en osíxeno, facendo posible a nosa existencia. Ademais as árbores: Diminúen a contaminación absorbendo óxido de nitróxeno, amoníaco, dióxido de xofre e ozono, transformándoos en osíxeno. Axudan a preservar o chan, previndo a erosión coas súas raíces, e contribuíndo á fertilidade da terra coa caída das súas follas, que acaban transformándose en materia orgánica e, polo tanto, en nutrientes. Refrescan o ambiente, xa que proporcionan sombra, liberan vapor de auga polas súas follas e reteñen a humidade do chan, sendo unha parte importante do ciclo da auga. Producen alimentos, aceites, medicinas … Ofrecen refuxio aos animais. Dannos madeira, leña, papel, resina … Evitan ruídos molestos. Embelecen a paisaxe. O peor inimigo das árbores é o ser humano, que leva décadas sendo o causante da deforestación debido á industria papeleira e madeireira, ás explotacións mineiras e construción de presas, á urbanización do chan, ás explotacións gandeiras que utilizan técnicas invasivas, aos incendios provocados, ao incumprimento ou inexistencia das medidas de protección dos bosques, ao cambio climático … Se non queres ser partícipe da deforestación: Non desperdicies papel e cando o necesites que sexa reciclado. Consume produtos de madeira con certificado de sustentabilidade e prioriza o de madeiras locais. Consume produtos animais, chocolate e café ecolóxicos e de produción local. Non consumas aceite de palma. Usa o transporte público. Contribúe á redución do consumo de combustible e pneumáticos. Evita o consumismo tecnolóxico, cuxos produtos proceden da minería a gran escala, causante non so da deforestación senón de múltiples conflitos armados, sobre todo en África. Practica as tres “Rs”: Reduce, Reutiliza e Recicla. Se podes, planta unha árbore.   

Día mundial forestal Leer más »

O Entroido

Orixe A  orixe da festa do Entroido non está demasiado clara. Sábese que se celebra en toda Europa (e en algún países de América do Sur, levada por portugueses e españois) e que se fai dende tempos remotos. Hai teorías que a sitúan: En Sumeria, hai máis de 5000 anos, onde os campesiños celebraban a fertilidade da terra e espantaban os malos espíritos. En Exipto, en honor ao toro Apis. Nos países indoeuropeos, en honor ao deus Karna. En Roma, nas festas en honor a Saturno (as Saturnais). En Grecia, en honor a Dionisio (as Grandes Dinosíacas). Na cultura celta, en honor a Carna, deusa das habas e do touciño. É curioso que todas elas coinciden na mesma época, polo que se considera que no fondo, cada unha destas celebracións estaba destinada a festexar a chegada da primavera e o final do inverno, o inicio dunha nova etapa de luz, cor, abundancia e prosperidade. Coa chegada do cristianismo o Entroido convértese nunha “etapa de transición”, na que os cristiáns se preparan para entrar nun período de purificación, por medio da abstinencia e o xaxún durante corenta días, para recibila Pascua. Nestes días previos ao Mércores de Cinza, case todo estaba permitido e a xente tapaba a súa cara para gardar o anonimato (de aí o costume de disfrazarse). Ben certo é que mundialmente son moi coñecidos os de Venecia, Brasil, Nova Orleáns … ou máis cerca os de Cádiz ou Tenerife. Pero máis certo é que os galegos neste tema non temos nada que envexar grazas aos Entroidos de : Allariz, Castro Caldelas, Cangas, Cobres, Comarca do Deza, Cotobade, Froxás das Viñas, Laza, Maceda, Manzaneda, Ribeira do Miño, Salcedo, a Ulla, Verín, Viana do Bolo, Vilaboa, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia … e un longo etcétera. Lugares nos que estando prohibidos na época da ditadura, seguíronse a celebrar de maneira clandestina, arraigándose aínda máis a tradición, que vinculada coa gastronomía propia da época do ano (lacón, chourizo, grelos, filloas, orellas …), axudou a preservar enormemente a riqueza cultural de Galicia.  

O Entroido Leer más »

Día escolar da paz e da non violencia

30 xaneiro​ Se ben é certo que o DÍA INTERNACIONAL DA PAZ celébrase o 21 de setembro,  dende 1964 o día escollido polos centros educativos españois para celebrar o DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON VIOLENCIA é o 30 de xaneiro. Esta data coincide coa conmemoración da morte do Mahtama Gandhi (India 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxusticia e que foi asasinado a balazos precisamente por defender estas ideas. «Opóñome á violencia porque , aínda cando parece facer o ben, o ben é so temporal e o mal que fai é permanente». Gandhi. “Hermanos de las estrellas” é o himno deste día, con letra de Llorenç Vidal (profesor, poeta e pacifista mallorquino,  impulsor deste movemento) e música de Andreu Bennàssar (compositor e pianista), do que existen, ademais da castelá, varias versións: unha eúscara, outra  catalana-balear, unha galaico-portuguesa e outra interlingua.     Os centros educativos aproveitan este día para recordar o seu importante papel como defensores da paz, fomentando o entendemento entre as persoas de distintas razas, culturas, relixións, diferentes maneiras de pensar… sendo os transmisores dunha mensaxe de tolerancia, solidariedade, respecto aos Dereitos Humanos,  a non violencia, a xustiza, ao compromiso … Unha educación equitativa, inclusiva e de calidade en tódolos niveis educativos é a ferramenta imprescindible para que “a paz sexa o camiño” como tanto ansiaba Gandhi. Unha educación baseada na non violencia, na que a resolución de conflitos  se basee no diálogo, no respecto, na participación, na actitude crítica… valores, todos eles, dirixidos cara unha convivencia pacífica. Se queres colaborar, axúdanos a ensinarlles ás/aos túas/teus fillas/os a: Adquirir valores de respecto, tolerancia, empatía … Diferenciar entre distintos tipos de violencia. Expresar emocións relacionadas coa violencia: ira, medo, sufrimento … e coa paz: alegría, tranquilidade, amor … Coñecer outras razas, culturas, relixións, costumes … Recoñecer o valor da diversidade. Recoñecer e evitar actitudes de racismo e xenofobia. Ser conscientes da necesidade de acabar con actitudes violentas, como a do acoso escolar. Pedir axuda en caso de conflito. Resolver os conflitos de forma pacífica e creativa, a través do diálogo, da reflexión, da negociación … 

Día escolar da paz e da non violencia Leer más »

O Nadal

A árbore de Nadal Outra vez volvemos a recorrer aos celtas para explicar unha das nosas tradicións máis arraigadas, pois parece ser que estes celtas éranche moi festeiros e tiñan a manía de celebralo todo. Pois o dito, para celebrar o solsticio de inverno, decoraban os carballos (considerados árbores sagrados) con froitas e velas  e con elo facían un chamamento á nova vexetación e á luz do sol. Outra versión conta que na antigüidade, os xermanos pensaban que tanto a Terra coma os Astros pendían dunha árbore xigantesca (a Divina Idrasil). As súas raíces estaban no inferno, no reino dos mortos e a súa copa no ceo, na morada dos deuses e o palacio de Odín. Conta a lenda que no século VIII, San Bonifacio (un misionero de orixe inglesa) discutía na rexión de Hesse  (centro de Alemania), cuns druídas o valor sagrado dos carballos, en concreto o de un consagrado a Thor.  Enfadado con tal afirmación e ante a atónita mirada dos lugareños cortou o carballo e todo o que había ao seu arredor e como misión evanxelizadora plantou un abeto,  xa que representaba a vida eterna, pois as súas follas sempre estaban verdes e a súa copa apuntaba cara o ceo.   A partir de entonces o cristianismo foi apropiándose e modificando esta tradición decorando a árbore con mazás, as cales representan o pecado orixinal, con velas en representación da luz divina, con lazos como símbolo da familia… e, como non, recordando a estrela de Belén representando a fe que nos guía cara o cristianismo. O costume de adornar a árbore de Nadal non chegou ata o noso país ata o século XIX,  da man dunha princesa rusa, Sofía Troubetzkoy, casada co aristócrata, político e militar José Osorio, e un dos responsables da subida ao trono de Alfonso XII.

O Nadal Leer más »

Día internacional contra a violencia de xénero

IRMÁS MIRABAL O 25 de xaneiro de 1960 as IRMÁS MIRABAL (Patria, Minerva e María Teresa), despois de sufrir torturas, violación e privación da liberdade, eran salvaxemente asasinadas na República Dominicana, por loitar contra o réxime de Trujillo. Lonxe de solucionar o que o dictador consideraba un problema, esta acción provocou a reacción do pobo dominicano cada vez máis concienciado coas ideas das irmás Mirabal, culminando co asasinato do ditador en maio do 1961. RAFAEL TRUJILLO En  1981 celébrase do Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, en Colombia, e queda establecido que, en honor a elas, cada 25 de novembro celebrarase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Máis tarde, no 1993 a Asemblea Xeral Da Organización das Nacións Unidas (ONU) declara oficialmente esta data como o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, emitindo por primeira vez a Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller. A VIOLENCIA DE XÉNERO é aquela que se produce contra a muller, so polo simple feito de selo. Pode ser exercida dentro da casa, no traballo ou en calquera ámbito tanto da vida privada como da pública. Este tipo de violencia fundaméntase na suposta superioridade do home ante a muller e as súas manifestacións son moi variadas: violencia física, maltrato psicolóxico, violación, insinuacións sexuais non desexadas, abuso sexual infantil, matrimonio forzado,  acoso, feminicidio … A ONU entende como violencia de xénero: “todo acto de violencia que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as amezas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública como na vida privada”. Convén diferenciar entre estes tres termos: MACHISMO, HEMBRISMO E FEMINISMO MACHISMO: É A actitude de prepotencia dos homes respecto das mulleres. Trátase dun conxunto de prácticas, comportamento e ditos que resultan ofensivos contra o xénero feminino. HEMBRISMO: Aínda que a Real Academia Española non recolle este termo, refírese ao equivalente ao machismo, pero en sentido contrario, o que implica unha discriminación negativa en detrimento do home. NINGÚN DOS DOUS APOSTA POLA IGUALDADE DE XÉNERO!!! FEMINISMO: Doutrina e movemento social que pide para a muller o recoñecemento dunhas capacidades e uns dereitos que tradicionalmente estiveron reservados para os homes. Ten como obxectivo a busca da IGUALDADE DE DEREITOS ENTRE HOMES E MULLERES. Recoñecer que existen estas desigualdades inxustas e actuar para que deixen de existir é cousa de toda a sociedade: de homes e de mulleres. POR ISO: Respecta e escoita as túas fillas e fillos. Educa e sensibiliza Contra a Violencia de Xénero, a igualdade apréndese dende a infancia. Axúdalle a resolver os conflitos sen violencia. Non desculpes comentarios, bromas ou chistes de corte machista. Loita contra os roles de xénero. Reparte equitativamente as tarefas do fogar. Ofrece  as mesmas oportunidades e esixe as mesmas responsabilidades. Ensina a usar responsablemente as novas tecnoloxías de información e comunicación. Respecta os Dereitos Individuais (como o dereito á vida, á integridade persoal, á liberdade individual, á liberdade de expresión …).

Día internacional contra a violencia de xénero Leer más »

O Magosto

A orixe etimolóxica da palabra MAGOSTO non está moi clara pero hai teorías que defenden que procede do latín, de Magnus Ustus (gran lume) ou Magnum Ustum (resaltando o carácter máxico do lume). Segundo o Dicionario da Real Academia Galega refírese a unha comida que consiste fundamentalmente en castañas asadas, polo xeral acompañadas con viño. Como terra de castiñeiros (grazas, en parte, aos romanos) o Magosto convértese nunha festa tradicional fortemente arraigada en todo o territorio galego, pero sobre todo en Ourense e Lugo, cuxos soutos sobreviven á crise do século XIX, na que importantes enfermidades arbóreas acaban con moitas destas árbores. Manuel Murguía falaba do Magosto como dun banquete funerario no que, por un lado, a castaña e o lume simbolizarían a morte e, por outro, o viño faría referencia á unha nova vida. Celebrábase así o fin dunha colleita (a da castaña) e o inicio doutra (a do viño). A festa comeza coa recollida de leña e piñas, para facer unha boa fogueira, de onde sairán as brasas para asalas castañas. Por outra banda, xúntanse mozas e mozos para recoller as castañas,  “o pan dos pobres” ata a chegada do millo e da pataca dende as Américas, que en época de fame asegurou a supervivencia de moita xente en forma de froito seco, cociñadas ou en fariña. Por último e non menos importante, é de agradecer que alguén aporte o viño (aínda que actualmente non deben faltar tampouco chourizos e pan, non se diga que a festa non é perfecta).   É entón o Magosto unha festa para agradecer a colleita, na que son protagonistas o lume, as castañas e o viño novo, as xuntanzas de veciños, familiares e amigos para colaborar, divertirse, compartir contos e lendas ao carón das brasas, cantar e bailar, saltar a fogueira para evitar os malos espíritos (coma no San Xoan) e  pintala cara cos tizóns. Non é raro, polo tanto, que sexan moitas as teorías que o relacionan coa celebración do Samaín debido ás moitas semellanzas que hai entre ambas (importancia do lume/fogueiras, binomio vida – morte, fin dun ciclo – inicio doutro …).

O Magosto Leer más »

O Samaín

A palabra SAMAÍN é de orixe gaélica e significa “fin do verán”. A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro servía como a celebración do fin da temporada de colleitas e, polo tanto, considerábase como o Ano Novo Celta, que comezaba coa estación escura, o inicio de todo, cando o verán morría e comezaba o inverno. É a festividade de orixe celta máis importante do período pagán en Europa ata a conversión ao cristianismo. Durante a noite do Samaín os espíritos dos defuntos tiñan autoridade para camiñar entre o mundo dos vivos, dándoselle á xente a oportunidade de xuntarse cos seus antepasados. Era habitual colocar unha vela acendida na ventá para que os mortos atopasen o seu camiño e acostumábase baleirar nabos (posteriormente cabazas, debido a unha tradición irlandesa) para poñer a candea dentro. Volvían así as ánimas ás súas vellas moradas, para quentarse na cheminea e comer en compañía dos seus familiares vivos, por iso, unha das tradicións galegas durante esta noite é deixala mesa sen recoller e o lume sen apagar. FADA Tamén fadas e trasgos podían camiñar entre os dous mundos xa que a porta estaba aberta, por iso nas aldeas pechábanse as casas e non se lle abría a ninguén. Se había algún valente que o fixera, se recibía a visita dunha fada obtería sorte e fortuna para o seguinte ano, pero se a visita era dun trasgo a mala sorte caería sobre esta casa, en forma de calamidades e desastres. TRASGO Durante esta xornada tamén se acendían fogueiras para espantar aos malos espíritos e algunhas persoas cubríanse con máscaras e peles para despistar ás pantasmas, o cal explicaría a costume de disfrazarse. Varios séculos despois, esta tradición ten continuidade no actual Halloween, que exportaron os irlandeses e escoceses aos Estados Unidos no século XIX, principios do XX. Tal e como ocorreu con moitas das celebracións pagáns o cristianismo acabou absorbendo  e instaurando as súas propias festividades. Dende aproximadamente o século X celébrase o Día de Tódolos Santos (1 de novembro), no que se recorda ás persoas falecidas que están no Paraíso. Pero, ademais, ao pouco tempo a igrexa católica instaurou o Día de Defuntos (2 de novembro), no que se recorda tamén a aqueles que permanecen no Purgatorio. En Galicia, aparece a figura da Santa Compaña. A lenda conta que unha comitiva de defuntos avanza durante a noite en completo silencio portando cirios acendidos. Unha persoa viva vai diante coa cruz e o caldeiro de auga bendita e non pode, baixo ningún pretexto, volvela cabeza. So poderá librarse do seu cargo cando atope a outra persoa á que entregarlle a cruz e o caldeiro, antes de que faga un círculo na terra.  É necesario protexerse contra a maldición da Santa Compaña facendo  coma que non se ve ou subíndose a un cruceiro ata que pase de largo. O mestre Rafael López Loureiro comprobou que  o Samaín forma parte da tradición máis enraizada e enxebre de Galicia, que aínda se celebraba aquí ata hai pouco tempo, ademais de nalgunhas zonas de Cáceres, Zamora e León onde lingua e tradicións galegas están moi arraigadas, pola súa proximidade a Galicia.

O Samaín Leer más »

Scroll al inicio